Manel Cráneo: “Se non temos historias que contar, para que nos imos poñer a debuxar?”

EntrevistaXavier Alcalá A nosa cinza de Álvaro Inglés a Manel Cráneo en La Opinión:
“Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é un dos creadores de banda deseñada máis recoñecidos e queridos de Galicia. O debuxante está embarcado xunto con Alfredo Ferreiro na adaptación á novela gráfica de A nosa cinza de Xavier Alcalá, que publicará Galaxia en 2016. Móstrase simpático, falangueiro e explica as vantaxes e desvantaxes dun proxecto desta magnitude. Unha adaptación que lle acerca a unha das súas paixóns: a historia.
– La Opinión (LO): Como entrou neste proxecto?
– Manel Cráneo (MC): A verdade é que foi un proxecto de encargo. Foi un contacto persoal de Xavier Alcalá porque el e Alfredo Ferreiro, encargado do guión literario, coñecían o meu traballo. O primeiro paso foi que me lese a novela, teño que recoñecer que aínda que tiña máis de 100.000 exemplares vendidos nunca a lera. A partir de aí foi cando decidín meterme no proxecto. Polo xeral non acepto todos os traballos de encargo, un xa ten demasiados proxectos como para andar en proxectos alleos, ten que ser algo que me faga tilín-tilín.
– LO: Este proxecto fíxolle tilín?
– MC: Si, este proxecto ten moitos elementos que a min me interesan para facer unha historia en novela gráfica. Primeiro, está ambientado nunha época histórica, neste caso a posguerra. Segundo, está ambientada en Galicia, ademais nunha terra que coñezo moi ben como é Ferrolterra. Poder ter as localizacións a man e ter unha boa documentación gráfica é unha cousa que me resulta atractiva a nivel artístico. Desde o punto de vista literario, a historia gústame porque toca unha época de opresión.Vemos un reflexo da mocidade desa época. Pensei que isto era perfecto para crear a metáfora da época. Entón o plantexamento é un pouquiño ese, como se pode sobrevivir sendo mozo nunha ditadura.
– LO: Cales son as maiores dificultades de adaptar unha historia en texto a novela gráfica?
– MC: Dificultades son todas, creo que para min é un dos retos máis complicados que tiven en moito tempo. A obra é realista, hai que poñerlle cara a todos os personaxes e personalidade. As localizacións están inspiradas en lugares que existen na realidade. Realmente o que estás a facer é o que faría un director de cine, ten que ser crible. Ti les unha frase e estase suxerindo que ese personaxe está cabreado, tes que expresalo ben nun cómic. No guión técnico, a elección dos puntos de vista que vas utilizar en cada escena para crear dramatismo ou o uso de certos planos é moi importante Un dos grandes retos é sintetizar, saber que coller e que deixar fóra da novela e facer unha boa criba, ir directamente á esencia da historia. É imposible meter 200 páxinas nun cómic de 120. (…)”