Blanca-Ana Roig Rechou, nova presidenta da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ)

A Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ) renovou a súa directiva no marco da celebración da I Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, que se desenvolveu en Vigo os días 18 e 19 de novembro cunha importante presenza de participantes e uns resultados moi esperanzadores de cara ao futuro. Blanca-Ana Roig Rechou, que ata o de agora viña formando parte de ANILIJ como presidenta da súa sección ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil), substitúe no cargo a Celia Vázquez García, da Universidade de Vigo, integrando na nova directiva a parte dos membros da dirección anterior, como son Veljka Ruzicka Kenfel, Lourdes Lorenzo e Ana Fernández Mosquera, investigadoras da universidade olívica, ás que se une tamén Isabel Mociño. Segundo a nova presidenta con esta directiva amósase un claro afán continuista, ao asumir os retos e proxectos que a Asociación ten en marcha, aos que se sumarán outras iniciativas coas que rendibilizar e visibilizar o importante papel desta Asociación, que dende a súa creación en 1999 levou a cabo numerosas iniciativas, a través das que fomentou o contacto, diálogo e colaboración entre os seus integrantes e outros especialistas tanto do ámbito estatal coma internacional.