O Salón Teatro ofrece a estrea galega de Anarquismos, de Pablo Fidalgo en coprodución co CDG

Desde o Agadic:
“O programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG) presenta a vindeira fin de semana en Santiago a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro), espectáculo escrito e dirixido por Pablo Fidalgo, que se representará no Salón Teatro do 2 ao 4 de novembro, con funcións ás 20,30 h. o venres e sábado e ás 18,00 h. o domingo.
Trátase da terceira coprodución da compañía pública que sube ao seu escenario neste inicio da temporada 2017-2018, que arrancou coa estrea de Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena, de Pistacatro, á que seguiu o regreso de Elisa e Marcela, de A Panadaría, un ano despois da súa primeira estadía na sede do CDG. Neste caso, Anarquismos chega a Santiago desde Bilbao, onde a peza foi estreada o pasado día 23  no marco do BAD (Bilbao Antzerkia Dantza-Festival de Teatro Actual e Danza Contemporánea), outra das entidades implicadas nesta coprodución internacional que conta tamén con apoios desde Portugal, Francia, Chile ou Italia.
A proposta
O creador vigués Pablo Fidalgo aborda na súa nova proposta a historia da anarquía, que –nas súas palabras– tivo en España o laboratorio máis importante de toda a xeografía mundial. Os performers Ángela Millano, Cláudio da Silva e Rocío Berenguer poñen en escena o soño dun home adulto, que rememora a casa e os tres compañeiros cos que compartiu os seus primeiros anos de xuventude. Trátase dunha peza sobre a ausencia, os soños, o medo e o silencio que teñen lugar en calquera grupo ou núcleo familiar, ao tempo que debuxa as expectativas dunha xeración que enfronta por primeira vez os seus erros e a súa falta de proxecto común.
Estruturada como un poema épico e como un retrato de grupo, Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro) inspírase na visión dos vencidos, dos marxinais e nos instantes decisivos onde aqueles que tiveron ideas ou utopías en común deixan de telas.
No Salón Teatro, o público situarase nunha grada sobre o escenario, con butacas sen numerar e capacidade limitada a 56 espectadores que poderán seguir máis de preto os movementos dos intérpretes sobre as táboas. A venda anticipada de entradas xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. Os días de función, o despacho de billetes do teatro estará aberto desde dúas horas antes do inicio do espectáculo.”