A Coruña: conferencia de André Juillard

Hoxe mércores 12 de 19:45 a 21:00 no Kiosco Alfonso dentro das actividades de Viñetas desde o Atlántico. Entrada libre.

André Juillard (París, 1948) é un dos grandes autores franceses de todos os tempos. Con máis de 30 anos de carreira, André Juillard é artífice dunha obra persoal e coherente, que a crítica especializada cualifica como “a simbiose perfecta entre clasicismo e modernidade”. Comezou a súa carreira profesional na editorial Fleurus, no seu semanario Formule 1. Para este seminario realizou series como Le Longue Piste de Loup Gris (con guión de Verrien) ou unha adaptación de Romeo e Julieta (con guión de Josselin). En 1976 comeza, unha vez máis xunto ao guionista Verrien, a que sería a súa primeira serie histórica Bohémond de St. Pilles, que relata as aventuras dun cabaleiro medieval. A súa etapa en Fleurus, a pesar de ser moi produtiva, non lle produciu excesivo recoñecemento. En 1978 deixa a editorial para incorporarse ao semanario Pif Gadget, onde xa publicara a adaptación dunha historia de Xullo Verne. Neste semanario é onde publica os primeiros episodios de Masquerouge, serie creada xunto ao guionista Patrick Cothias. Tras publicar 15 historias curtas do personaxe, a serie non obtén o favor do público e a crítica, razón pola cal a revista Pif cancela a serie. Deixando atrás este contratempo, os autores fanse cos dereitos sobre o personaxe e o universo Masquerouge. En 1982 comezan a publicar na revista Circus, da editorial Glenat, unha versión co mesmo contexto histórico pero nun ton máis adulto. Así nace As sete vidas do Gavilán, que narra a epopea da bela e tráxica Arianne de Troil, personaxe que xa forma parte do panteón dos heroes de ficción do cómic francés.

Aproveitando o tirón de As sete vidas do Gavilán, en 1983 e con guión de Jacques Martin, comeza outra serie de corte histórico, Arno, que tamén se faría co apoio do gran público. Logo de moitos anos debuxando series de corte histórico, desexoso de non ser encasillado e de explorar novas temáticas, comeza a elaboración dunha obra moito máis persoal, cun contexto contemporáneo, na que realiza tanto o guión como o debuxo. En 1994 sae Diario Azul, serializado durante un ano na revista À Suivre, cuxo álbum posterior é todo un éxito. Con el recolle numerosos premios. En 1998 Diario Azul” ten unha continuación, Logo da choiva. A pesar da gran repercusión que estas obras máis persoais tiveron na súa carreira, Juillard non abandonou en ningún momento o xénero histórico que lle deu sona, alternando a creación destes proxectos con obras máis comerciais, como Pluma ao vento, continuación de As sete vidas do Gavilán.

En 1999 volve sorprender. Xunto a Yves Sente como guionista, recolle o desafío de prolongar as aventuras de Blake e Mortimer (os personaxes creados por Edgar P. Jacobs). Continuar as aventuras destes personaxes, un dos seus amores de infancia, representa para Juillard unha oportunidade de evasión melancólica, ao mesmo tempo que un reto artístico. A pesar da fría acollida da crítica, os catro álbums son un rotundo éxito de vendas. O seu último traballo publicado é A longa viaxe de Lena. Actualmente traballa nunha continuación desta obra. Juillard realiza habitualmente tamén ilustracións para diversas editoriais.