O
martes 25
de outubro, no Museo do Mar de Galicia de Vigo (Avenida da Atlántida, 160), terá lugar a estrea da longametraxe Sinbad, baseada na novela de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad volvese ás Illas. Está dirixida por Antón Dobao e protagonizada por Xosé Manuel Olveira “Pico”, Sara Casasnovas e Mariña Sampedro “Coco”.
Arquivos da etiqueta: Antón Dobao
Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine”
Entrevista
a Antón Dobao no Suplemento Lecer:
“- Lecer (L): Por que escolle unha novela de Álvaro Cunqueiro para facer unha película?
– Antón Dobao (AD): Eu creo que hai varias razóns, unha delas é porque é un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX e da literatura europea. É un autor moi pouco adaptado, traballouse pouco sobre el. É un autor que formula unha relación moi interesante entre o real e o imaxinario. Difumina a liña que poida separar a realidade e a ficción e a min xogar nese universo confuso sempre me resulta interesente. (…)
– L: Como chega Antón Dobao a director de cine?
– AD: É un pouco casualidade. É a necesidade de contar historias. Son un paracaidista no mundo do audiovisual e como director. Eu veño da literatura. Os mundos que son capaz de crear sempre viñeron a través da literatura. O que pasa é que eu levo vinte e tantos anos traballando na TVG como filólogo e ocorre que nun intre determinado vendo simplemente como estaba nacendo o audiovisual, ocórrreseme facer unha proposta na TVG para traballar sobre ficción a partir de texto da literatura galega. O audiovisual estábase construíndo de costas a esa manifestación cultural e a literatura parecíame que era un dos espazos máis normalizados cos que contabamos, quizais o único. Esa idea é a que xera a posibilidade de que acabe facendo estas cousas. Entón non sei se é por casualidade ou porque de súpeto vin que en realidade me gustaba facelo e era outra forma de contar unha historia, que é o que realmente me interesa, me gusta e creo saber facer. (…)
– L: Cales son os seus futuros proxectos?
– AD: Agora estou na montaxe da película, que é a última fase de escritura do guión, onde acabas de contar a historia, aínda que si é traballoso. Logo teño un libro de poemas que teño que revisar e levo unha temporada preparando un libro de relatos para dentro duns meses. Imaxino que haberá máis películas de Un mundo de historias. Pero agora a miña maior preocupación é que Sinbad estea rematada, que teña un percorrido e que chegue a distintos espectadores. Rodar unha película é moito esforzo e non debe nacer para quedar morta nun caixón, ou que a emitan un día por televisión. O proxecto inmediato é darlle saída á película.”
Remata a rodaxe da tv-movie Sinbad que dirixe Antón Dobao
O Sinbad de Cunqueiro terá versión en cine no seu centenario
A TVG estrea na TDT O clube da calceta
Mañá martes 29 de decembro a canle de TDT da TVG, a G2, estreará a película O Club da Calceta en emisión sen cortes publicitarios. Interpretado por María Vázquez, Sonia Castelo, Susana Dans, Katia Klein, Mela Casal, Camila Bossa, Monti Castiñeiras, Antonio Durán Morris, Gonzalo Cunill e Alfonso Agra, este telefilme é unha adaptación da novela homónima de María Reimóndez e está escrito e dirixido por Antón Dobao.
Ferrol: estrea da película O clube da calceta
O mércores 20 de maio ás 20.30 h no Teatro Jofre de Ferrol faise un pase de estrea da película O clube da calceta, dirixida por Antón Dobao a partir dunha novela de María Reimóndez. Os interesados deben confirmar a súa asistencia no teléfono 981536630.
