Compostela: Unha conversa sobre as interaccións entre a ciencia e a creatividade artística pon o colofón a Instrumentos de Visión, o 20 de setembro

A exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke, finaliza este sábado 21 de setembro a súa estadía na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, despois de superar as 40.000 visitas desde a súa apertura, o pasado 21 de xuño. No serán do venres 20, ás 20.00 horas, e como colofón á mostra, terá lugar na propia igrexa a conversa Lóxicas científicas e creatividades artísticas. Referencias e interaccións, na que se abordará a influencia das achegas da física de partículas á sociedade no relativo ás narrativas contemporáneas.
Neste encontro tomarán a palabra o director do IGFAE, Carlos Salgado, o escritor e crítico literario Mario Regueira, a psiquiatra Iria Veiga e a coordinadora da exposición, Natalia Poncela, que conducirá a conversa. Esta actividade está realizada en colaboración coa Asociación Galega da Crítica. A entrada será libre. Antes, o xoves 19, ás 19.00 horas, terá lugar a última das visitas guiadas á exposición. É preciso rexistro previo, que pode facerse a través da páxina web da exposición. Esta actividade realízase co apoio de Horta Coslada.
Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do fotógrafo e cineasta Armin Linke (Milán, 1966), a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN.
Este proxecto está comisariado por Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), directora de Arts at CERN, o programa de arte desta organización científica, e conmemora a dobre efeméride do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear. Enmárcase, ademais, na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, contribuíndo ao diálogo entre a arte contemporánea e as diversas liñas de investigación do IGFAE. (…)