Abraham Pérez, escritor: “Na obra manifesto o inconsciente colectivo, cousas normalizadas pero que nos afectan”

Entrevista de Aroa González a Abraham Pérez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No libro explora vidas urbanas condicionadas pola Grande Recesión. Como xurdiu esta idea?
– Abraham Pérez (AP): A obra xurde da idea de que ás veces os grandes feitos, os titulares, son os que van quedando nas capas dos xornais. Interesábame relatar unha serie de personaxes, tanto femininos como masculinos, que habitasen en cidades cotiás, mais que dentro desa cotiandade se revelasen e manifestasen unha serie de cuestións determinantes para as súas vidas. Unha das preguntas que estiven facendo a min mesmo ao escribir o libro foi como reaccionarían esas persoas en función da clase social, que é unha das cuestións máis importantes das nosas condicións como seres humanos. Moitas veces o concepto de clase social non é o que está en primeira plana á hora de analizar feitos históricos ou económicos. Esa é a idea principal da historia.
– ND: Con que lle gustaría que se quedase o lector despois de ler a obra?
– AP: Sobre todo que desfrute cos relatos. Non sei se “gustar” é a palabra que quero empregar, mais que lles resulte relevante e interesante. Ás veces podémonos atopar temas que ao mellor non son os que máis nos gustan pero rematan sendo moi interesantes. Espero que as persoas que o lean o desfruten e o experimenten. (…)”