Celanova: Xesús Alonso Montero, Arraiano Maior no 2012

Vía Fervenzas Literarias:
“Celanova será escenario da gran festa arraiana. No centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, a Asociación Arraianos ven de recoñecer como Arraiano Universal ao autor de Longa noite de pedra. Ademais, o investigador e académico Xesús Alonso Montero será distinguido co recoñecemento Arraiano Maior da Raia Seca 2012, que concede anualmente dita asociación. Esta distinción xa lle foi entregada con anterioridade ao escritor Bento da Cruz no 2011, ao Padre Fontes no 2010 e a Xosé Luís Méndez Ferrín, que inaugurou estes recoñecementos no 2009. Os actos terán lugar o venres 31 de agosto en Celanova, e contará coas seguintes actividades literarias no seu programa:
10:00 h. Encontro na praza da vila de Celanova. Lectura do manifesto arraiano.
10:30 h. Rota literaria por distintos espazos relacionados cos literatos nados en Celanova, con lecturas de poemas e música arraiana.
11:30 h. No cemiterio de San Breixo. Nomeamento de Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do ano 2012, a cargo do Arraiano Maior do ano anterior, Bento da Cruz. Entrega do recoñecemento como Arraiano Universal a Celso Emilio Ferreiro. Ofrenda floral e recital poético e musical, coa participación de poetas e músicos das terras de Celanova e do val do Limia, ao pé do xacigo de Celso Emilio Ferreiro.
17:00 h. Espectáculo multimedia no claustro barroco do mosteiro de Celanova, facendo unha montaxe escénica atractiva e dinámica con intervencións de diferentes persoeiros, poetas, así como as actuacións de diversos grupos musicais.