Ánxela Gracián gaña o XV Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

Desde a Deputación de Ourense:
“A escritora Ánxela Rodríguez Rodríguez (Lugo, 1968), coñecida polo pseudónimo de Ánxela Gracián, vén de gañar coa obra As historias da ogra Pinta (presentada baixo o lema “A ogra pinta e as chulas”), o XV premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución o 27 de xuño trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada “transmite valores sociais moi importantes, como é o de non ter prexuízos iniciais sen ter pleno coñecemento das cousas”. Asemade o xurado explicou que se trata “de pequenas historias de aventuras nas que se desenvolven as vidas de rapaces dunha pequena aldea galega, cun entorno natural fermoso e cheo de feitizos”.
Así mesmo, o xurado dixo que na obra As historias da ogra Pinta “os personaxes que aparecen nela semellan ser malvados, pero ao final sempre teñen bondades”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado destacou a calidade de todos os textos presentados.
Ábrese agora o prazo para o XV Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de Ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 3 de setembro de 2018. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Ánxela Rodríguez Rodríguez. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XV edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Xosé Manuel Cid, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.”