Desde Fervenzas Literarias:
“Sempre se fala (e aburre un pouco escoitar sempre a mesma ladaíña, a dicir verdade) do terrible momento que está a pasar o mundo do libro, onde todas as novas iniciativas que xorden ao abeiro dese territorio cultural parecen ter que vogar contracorrente e contra os malos presaxios. Por iso é unha alegría ver como xermola unha nova editorial entre tanto agoireiro. Cuarto de inverno. Nova editorial pero vellos coñecidos. Aos mandos atopamos a Andrea Jamardo e a David Cortizo, quen tras as súas saídas de Urco editora apostan por un proxecto de seu que se presentou en sociedade este sábado 30 de novembro, ás 19.15 h., no Culturgal. Os primeiros libros? A novela Be Water, de Antía Yáñez, e o poemario Irmá paxaro, de Tamara Andrés. Ambos os dous libros foron finalistas do I premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil.
Preguntamos a David Cortizo, un dos responsable de Cuarto de inverno, sobre o nome da editorial. “Buscamos que lectoras e autoras se sintan a vontade dentro do cuarto, para Andrea significa unha cousa e para min outra, e xa temos escoitado algunha que outra interpretación do mesmo”.
No seu momento, Urco naceu como unha editorial centrada na literatura gótica, de terror e ciencia ficción. Baixo a dirección de Jamardo e Cortizo, aínda que seguiron publicándose obras do xénero, houbo un xiro na editorial cara a unha literatura máis feminista. Sobre a pregunta se Cuarto de inverno percorrerá ese camiño que iniciaron en Urco, para Cortizo “efectivamente, o feminismo vai estar presente xa non só nos nosos libros senón na nosa forma de traballar. Nós somos feministas e vivimos esa realidade entendendo isto ademais como unha aprendizaxe constante. Ademais queremos transmitir un gusto polo libro na súa totalidade dando valor a todos os procesos da vida do mesmo, desde a súa elaboración até a súa comercialización”.
Os dous primeiros títulos están destinados para un público xuvenil, pero en vindeiras datas a oferta de Cuarto de inverno ampliarase para o público infantil e o público adulto. “Cuarto de inverno terá coleccións de infantil, xuvenil e adultos. En cada unha desas tres, seguindo cadanseu criterio estético, irán editándose os libros que sintamos que poden formar parte de Cuarto de Inverno sen diferenciar se son ensaios, poemarios ou novelas”. A aposta de Andrea a David é publicar ao longo do ano un total de seis títulos, cunha cadencia fixa de dous por colección, polo menos nos dous vindeiros anos, aínda que “xa se irá vendo”.
Nas redes sociais de Cuarto de inverno lemos que a aposta dos seus libros van ir “desde a portada até as gardas, desde o código de barras até o colofón“, destacando a importancia tanto do contido como o obxecto en si. Segundo David Cortizo “é dar importancia a todo o que hai nun libro, poñelo en valor e dotalo de personalidade. Por exemplo, un código de barras está aí por algo, pois no canto de ser un pegote branco e negro imos colocalo nun sitio no que se sinta acompañado de outros elementos e imos decoralo un pouco para que teña a súa función pero non desentoe”.
As dúas primeiras obras do catálogo son unha novela de Antía Yáñez e un poemario de Tamara Andrés. Podedes adiantarnos que futuras obras aparecerán en Cuarto de inverno? “Podemos, pero vai ser a través da nosa web xa que temos pensado darlle un pouco de emoción á cousa. Podo adiantar que serán unha novela e un poemario para público adulto”. De todos os xeitos, si que avisan que “no porvir inmediato están eses dous libros para público adulto que sairán xa a principios de 2020 para continuarmos con dous infantís e outros dous xuvenís. O ano que vén xa teremos poesía, teatro e narrativa no catálogo. E temos en mente publicar no 2021 ensaio e tradución.””