Entrevista de Sandra Faginas a Pilar García Negro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Podemos falar dun Castelao feminista?
– Pilar García Negro (PGN): Teño bastantes reservas para aplicar o adxectivo feminista, porque hoxe está tan devaluado! Sempre lembro unha sentenza moi axustada de Xosé Chao Rego, grande escritor, que dicía: «Os homes deixamos de ser machistas teóricos para converternos en masculinistas prácticos». Iso ten moito de verdade. No caso de Castelao hai un mérito indiscutíbel, porque contravén unha tendencia histórica e milenaria de moitos autores varóns sobre as mulleres, que se concentra en dúas palabras: cegueira e xordeira. E o que eu denomino tamén a práctica da ventriloquia. Personaxes femininos na literatura universal hai a esgalla, pero o que proxectan é a fantasía masculina. Fala o ventrílocuo, non elas.
– LVG: Non é o caso de Castelao.
– PGN: Non. Porque el salva ese obstáculo, ao igual ca outros autores superlativos doutras literaturas. Lemos A Celestina, de Fernando de Rojas, e aí son elas, tanto Celestina como Areúsa quen se expresan e se defenden. Ou Cervantes, no Quixote, no famoso discurso de Marcela, que é un auténtico manifesto da liberdade, da autonomía de conduta e da non submisión ao desexo masculino.
– LVG: En Galicia existen antecedentes neste aspecto?
– PGN: Si, contamos cunha tradición intelectual que cómpre coñecer. O padre Feixoo, moitos anos antes da Revolución francesa e da famosa declaración dos dereitos da muller, publicou o discurso XVI do seu Teatro crítico universal, que é Discurso en defensa de las mujeres, así de directo. Cunha defensa rotunda da nosa capacidade intelectual. O seu discípulo, o padre Sarmiento, con toda a clareza vaise referir tamén a que falta por ter escrita a metade da moral porque só a escribiron os homes. E di o mesmo da medicina. Ademais, defende que os oficios non teñen, como diriamos hoxe, marcas de xénero.
– LVG: Castelao é continuador desa tradición apuntando ás mulleres traballadoras.
– PGN: El ten unha sensibilidade particular para ver e escoitar as mulleres traballadoras e das clases populares, que son a inmensa maioría que recolle nas súas viñetas, nas súas estampas, no seus debuxos. Fainas protagonistas. E iso é transversal, porque vémolo en Cousas da vida, no Álbum Nós, n’Os álbumes de guerra, onde hai estampas absolutamente estremecentes con protagonistas femininas. Despois, claro, Castelao é fillo do seu tempo e de todas as circunstancias que marcan o contexto histórico no que viviu. Iso non escurece o que veño de comentar, que é relevante, porque na intelectualidade española coetánea ou máis amplamente contemporánea, hai cousas que caen das mans. Marañón xustifica a inferioridade intelectual feminina e o fatum biolóxico. Ortega y Gasset, Unamuno… En fin. (…)”