“10 anos, 10 autores, 10 libros | María Canosa”

Desde a Cidade da Cultura:
“O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros volve este venres 2 de xullo ao Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. Nesta ocasión a protagonista será a autora María Canosa, que falará do libro de Concha Blanco Berta non soubo voar (Pentalfa, 1995).
Enxeñeira de formación, aínda que vinculada á literatura infantil e xuvenil dende moi nova, María Canosa é unha das autoras máis recoñecidas do panorama literiario galego actual. Dende os seus primeiros contos presentados a diversos concursos a finais dos oitenta ata a súa recente publicación, en colaboración con Bea Gregores, dunha biografía ilustrada de Emilia Pardo Bazán, a traxectoria literaria de María Canosa atende a diferentes xéneros e temáticas.
O seu amor pola literatura infantil e xuvenil venlle de familia. María é filla da autora do libro que seleccionou para a súa charla, Concha Blanco, unha das primeiras autoras de materiais didácticos para o ensino do galego e tamén prolífica escritora de libros para nenos. Afinidades literiarias e afectos familiares entrelazaranse neste novo encontro único de 10 anos, 10 autores, 10 libros.
Seguindo a pauta das anteriores conversas deste ciclo polos 10 anos da BdG, María Canosa estará acompañada por Pilar Sampedro, mestra como Concha Blanco, e que adicou os último anos da súa traxectoria profesional ao proxecto de Bibliotecas Escolares, impulsado dende a Consellería de Educación.”