Camiños de letras en Compostela

“Un percorrido virtual por Compostela a través de once escenarios nos que transcorren cinco obras de xénero negro. Esta é a proposta que presentaba o pasado 24 de outubro, Día Mundial da Biblioteca, a Consellaría de Cultura na Biblioteca Ánxel Casal. O proxecto, que está albergado no propio web da Biblioteca, toma pasaxes das obras Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro. A través de textos destas obras xeolocalizados en cadanseu espazo, e acompañados da opción de escoitalos na voz de actores de dobraxe habituais nas nosas pantallas, o proxecto propón achegarse á cidade do Apóstolo mediantes as letras, con versións en galego e en castelán.” Desde Cultura Galega.

50 anos da primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse

“A Biblioteca Nodal Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida de Xoán XXIII) inaugura a exposición Os vellos non deben de namorarse, 1961-2011. Cincuenta anos na memoria, unha mostra que conmemora o 50 aniversario da primeira representación en Galicia da obra Os vellos non deben de namorarse de Castelao, o 25 de xullo de 1961 na compostelá Praza da Quintana. No ano 1961 o grupo de teatro de Cantigas e Agarimos, dirixido por don Rodolfo López-Veiga, puxo en escena por primeira en Galicia a obra de Castelao, Os vellos non deben de namorarse. Pasados cincuenta anos daquel acto senlleiro da cultura galega, a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, en colaboración coa Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, quere renderlle unha homenaxe a todos aqueles e aquelas que fixeron posible que, aquela noite do 24 de xullo de 1961, a Praza da Quintana estivese abarrotada, no que -no dicir de moitos dos intelectuais galegos da época- foi un dos máis senlleiros acto de manifestación galeguista do tempo. Dende a xunta directiva da Asociación Cantigas e Agarimos destacan que “Todos e todas os que hoxe formamos parte de Cantigas e Agarimos temos claro que é de galegos de ben o ser agradecidos, ou -como di Manolo Rivas– que no noso país, danse as grazas.” Amais desta exposición sobre a primeira representación en Galicia de Os vellos non deben de namorarse entre o 10 e o 30 de abril, haberá un acto de agradecemento, o venres 13 de abril, ás 20:00 horas. A exposición pódese visitar durante o horario de apertura da biblioteca e acompañará á exposición unha mostra bibliográfica elaborada pola biblioteca con fondos da mesma, titulada Castelao dramaturgo: Os vellos non deben de namorarse.” Vía Fervenzas Literarias.

‘Un mural colectivo homenaxea a Xosé Neira Vilas en Santiago’

“A Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, realizará este martes, no marco da súa programación dedicada a Xosé Neira Vilas, un mural colectivo no que participarán 25 nenos de entre 4 e 11 anos. Segundo informou a Consellería de Cultura, a actividade terá lugar este martes 30 de agosto ás 11:00 horas no Salón de actos da biblioteca e, durante esta, os mozos converteranse “en pintores por un día deixando a súa pegada artística á vez que se divirten”. O deseño do mural e a coordinación dos participantes para colorealo corresponde a Xoana Almar e Miguel Peralta, dous ilustradores formados en Granada e afincados en Santiago, que ofrecen “o seu bo facer de xeito xeneroso e desinteresado”, segundo precisou Cultura, para a realización desta obra colectiva. O resultado da obra poderá contemplarse na Biblioteca Ánxel Casal a partir do venres 2 de setembro, día da inauguración en Santiago da exposición Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego, coa que a Xunta homenaxea a Neira Vilas.” Vía Xornal.

Santiago: coloquio arredor de As rulas de Bakunin, con Antón Riveiro Coello

O mércores 2 de febreiro, a partir das 19:30 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.) de Santiago de Compostela, Antón Riveiro Coello, dentro das actividades do club de lectura Compostela conversará cos lectores arredor da súa novela As rulas de Bakunin, publicada en Galaxia.