VI Premio de Creación Literaria Biblos-Pazos de Galicia

BIBLOS CLUBE DE LECTORES, S.L., co propósito de contribuír ao achegamento e a participación das mozas e mozos na cultura galega, e de descubrir aqueles creadores máis novos que poidan ter unha obra de interese necesitada de apoio para a elaboración final e a súa proxección pública, convoca o 6º PREMIO DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-PAZOS DE GALICIA PARA MOZAS E MOZOS, co copatrocinio de Pazos de Galicia. Bases: DOC, 26 KB.

Contidos do programa Libro aberto

Esta semana visita o programa Libro aberto o escritor e guionista Emilio Alonso, que presentará Mercurio, a obra coa que gañou o Premio Novela por entregas de La Voz de Galicia.

O espazo da TVG analizará a evolución do humor gráfico en Galicia. Xaquín Marín e Xosé Lois González (O Carrabouxo) abordarán o tema comentando as súas últimas publicacións. Tamén falarán da nova proposta da editorial Galaxia: a colección infantil “Audiocontos”. Unha selección de obras infantís clásicas que se presentan como versións dramatizadas nun CD que contén música e narración oral.

Na sección de “Libros na Rede”, visitarán a páxina web de Biblos, a través da cal podemos, entre outras cousas, seguir a información relacionada co Premio Biblos Pazos de Galicia, descargar os diferentes números da publicación bimestral do club ou consultar un catálogo de títulos de recente aparición.

Todo isto hoxe 15 de decembro á noite despois da película na Televisión de Galicia. Tamén podemos ver o programa na G-2 (TDT) o mércores ás 20:00 horas.

A Coruña: presentación da novela O país das bestas de Eva Moreda

Mañá xoves 4 de xuño preséntase a novela O país das bestas de Eva Moreda, no salón do Ámbito Cultural de El Corte Inglés da Coruña, ás 20 horas. A escritora estará acompañada pola profesora da UDC Olivia Rodríguez González. O libro presentarase dous días despois en Ribadeo, na Casa das Letras, o sábado 6 de xuño ás 20:30, coa participación de Eva Moreda e Tucho Calvo, director literario de Biblos.

Verín: presentación da nova novela de Xosé Carlos Caneiro

caneiroO próximo venres 9 de maio terá lugar en Verín a presentación da novela Blue Moon de Xosé Carlos Caneiro, editada por Biblos Clube, nun acto no que tamén se presentará o viño Quinta do Buble 2008. Será a partir das 13 horas en Casa Zapatillas, na rúa Luis Espada de Verín. Antonio Diz e Xosé Carlos Caneiro conversarán sobre as súas repectivas creacións, e posteriormente celebrarase un xantar no mesmo lugar no que se degustarán produtos propios da gastronomía do val de Monterrei.

Ás oito da tarde na Casa da Cultura de Verín levarase a cabo unha segunda presentación pública da novela Blue Moon; a entrada nesta ocasión será libre e gratuíta.

Manuel Rivas, titor da V Edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia

O escritor e xornalista Manuel Rivas vai ser o titor da 5ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. O 16 de marzo pecha o prazo de recepción de proxectos de novela para este premio reservado aos menores de 25 anos, e será en xuño cando se coñeza o gañador/a que coa colaboración de Rivas terá a oportunidade de mellorar o seu orixinal. O autor, ademais, disporá de todo o mes de outubro para, se o desexa, permanecer aloxado con todos os gastos pagados na Casa Grande do Bachao de Pazos de Galicia e rematar o texto nun ambiente de tranquilidade. [Ler nova completa]

A Coruña: presentación do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia

Hoxe xoves 19 de febreiro preséntase en El Corte Inglés de A Coruña a novela Bailarei sobre a túa tumba, de Berta Dávila, gañadora do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. A autora, Berta Dávila, estará acompañada polo catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña, José María Paz Gago, e mais polo editor Tucho Calvo, de Biblos Clube de Lectores. Na preparación desta novela, Berta Dávila estivo tutelada polo escritor Agustín Fernández Paz, quen tamén actuou como secretario do xurado. As tres edicións anteriores do Premio Biblos-Pazos de Galicia foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor, e Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade.

Tres rapazas de Lugo, A Coruña e Santiago, finalistas do IIIº Premio Biblos-Pazos de Galicia

“O IIIº Premio Biblos-Pazos de Galicia decidirase o vindeiro venres 20 de xullo entre as escritoras mozas Cristina Ferreiro Real, de Lugo; Patricia Casas Vázquez, da Coruña, e Raquel Campos Pico, de Santiago pero que reside en Madrid. As tres foron declaradas finalistas por un xurado integrado pola que será este ano a titora da gañadora, a escritora Helena Villar Janeiro, o xornalista e tamén escritor Camilo Franco, o gañador da anterior edición, Alberto Ramos, e o director literario de Biblos, Tucho Calvo.” (Biblos-Clube de lectores)