Texto de Carlos Casares recollido por Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Estrea o caderno da crítica unha subsección titulada Textos, que achegará referencias de variada índole vinculadas co exercicio ou a práctica da crítica literaria, e cuestións máis ou menos próximas. A desculpa para comezar ofrécema o web da Fundación Casares que, hai uns días, recuperou un texto do autor de Vento ferido publicado orixinalmente na sección A ledicia de ler que mantivo en La Voz de Galicia durante algúns anos. O artigo, titulado Problemas da crítica literaria, viu a luz o 12 de febreiro de 1978, isto é, hai case trinta e catro anos e resulta, ao meu ver, moi útil tanto para trazar a historia da crítica literaria galega como para realizar un exercicio comparativo do camiño andado desde aquela até hoxe. É un tanto impensable para hoxe o comezo, que Casares emprega como pretexto, no que se dá conta dun comunicado subscrito por cinco asociacións no que se pon en dúbida a honestidade e independencia da crítica literaria ao non se ocupar dun determinado autor ou libro; asemade o artigo é, sen dúbida, fillo do seu tempo, pois a vinculación que se establece entre o exercicio da crítica e a súa filiación con agrupacións e partidos políticos resulta, hoxe en día, igualmente sorprendente, como o son as propostas que fai da «eliminación do analfabetismo literario» e mais a demanda «dun tratamento libre da realidade». Un texto, reitero, moi interesante que se pode ler integramente premendo aquí e que axuda, como dixen arriba, a avaliar os avances nestas angueiras, se os houbo, de onte a hoxe. Grazas á Fundación Carlos Casares por esta achega.”
Arquivos da etiqueta: Caderno da crítica
Ramón Nicolás: Celso Emilio Ferreiro: novos achados
Artigo de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“A cinco días da que se presenta como unha celebración case cabalística do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro -derradeiro de sete irmáns, naceu ás catro da tarde do día catro de xaneiro de 1912, un día no que a súa nai, Obdulia Miguez Buján lle dixera que o día que ti naciches / houbo estranas sinales no ceo, as páxinas de información cultural de La Voz de Galicia recollen, como achega previa á data de celebración, dous poemas como limiar dun artigo máis longo que aparecerá mañá publicado no suplemento Culturas do mesmo xornal baixo o título de Descubrir o iceberg Ferreiro. Un dos poemas é, na realidade, non compilado, e pódese consultar aquí e o outro é radicalmente inédito, tirado dun Libro de Notas de Celso Emilio e que reproduzo abaixo. Ao tempo Xesús Fraga, a quen lle agradezo o seu traballo, recolle algunhas das ideas que me suxeriron os dous poemas e que deixo aquí.
Mozo
Sai a rúa,
vai ós sindicatos,
asiste ós mitines,
forma nas manifestaciós,
insulta ás autoridás,
gaba á revolución cubana,
dalle vivas ó Che,
mais, por favor,
non lle chames «masa»
ó que é pobo.
Celso Emilio Ferreiro (circa 1970).