Artigo de Lara Rozados na Sega:
“O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (ou memorias dun escribano) é a segunda peza teatral para público infantil publicada por Marica Campo, despois d’O cazador de estrelas, no número 48 dos Cadernos da Escola Dramática Galega, en outubro do 84. O que se propón para lles pór en escena ás espectadoras miúdas é unha historia tan vella como o mundo, e a posibilidade de darlle a volta. A gaiola ocupa a maior parte do escenario, e nela moran diferentes paxaros, lembrando un tempo en que eran libres e voaban pola fraga. Como adoita facer na súa obra, Campo recorre á hibridación entre xéneros e emprega elementos líricos dentro desta dramaturxia, que arrinca literalmente co canto dos paxaros, a través da métrica popular, con heptasílabos e octosílabos que riman nos pares: “Nacemos para voar / libres pola Fraga un día / co Cuco e co Paspallás / co Peto e coa Cotovía”. Tamén empregará un escribano como voz narradora, autodiexética, con todo, xa que fala empregando a primeira persoa do plural a integrarse como un paxaro máis, malia non estar xa dentro da gaiola, senón na parte esquerda da escena sentado no seu escritorio. O manexo da luz e a proposta escénica da gaiola son elementos ben sofisticados (a segunda lémbranos á moi recente Hámster, do dramaturgo moañés Santiago Cortegoso, seleccionado para os III Encontros Magalia no 2008, que tamén empregaba unha parella destes animais como epítome da submisión / rebelión). (…)”