Entrevista de María Amigo a Tamara Andrés en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como descubriu Matilde Lloria e que foi o que lle espertou tanto interese sobre a súa figura?
– Tamara Andrés (TA): O seu nome xa estaba na miña tese de doutoramento, pero apenas puña datos sobre ela. Marchei a vivir uns meses a Valencia, que é xusto a cidade onde ela morreu. Como estaba alí, entráronme ganas de investigala. Metín o seu nome no buscador e aparecían fotos de poetas que non eran ela. Tiña moita curiosidade, porque todas as pistas me levaban a sitios erróneos, eu quería saber quen era Lloria e por que a súa identidade non transcendera, nin na literatura galega, nin na valenciana. Confundíase moito a súa figura coa de Pura Vázquez ou coa de Ángela Figuera Aymerich. Sentía a necesidade de reparar a súa historia dalgún modo.
– ND: Todo o proceso de investigación descrito no libro, até que punto sucedeu na realidade?
– TA: É verídico na base, pero no libro está ficcionado en virtude da materia literaria. Eu marcho a Valencia e aí comezo o meu proceso de investigación e cando volvo á Galiza investigo os poemarios que fixo aquí. Tiña todo o tempo a sensación de que esta muller estaba fragmentada en dúas partes, de aí tamén o título do libro.
– ND: Como influíu a súa formación de tradutora á hora de crear este libro?
– TA: Un dos primeiros libros que lin que a mencionaban foi unha antoloxía de poesía valenciana de Joan Fuster, aí aparecía un título que era ‘Caixeta de música’, un poemario supostamente inédito. Cando cheguei á Galiza vin que un dos seus poemarios en galego chamábase ‘Caixiña de música’, e si que estaba publicado. Creo que isto foi unha auto-tradución, aínda que non hai ningunha indicación que remita a isto no texto en galego. (…)”