Radiocrítica do 07-07-2014, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 7 de xullo en Ames Radio (107.2 FM, agora accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López sobre Tempo ordinario, de Paco Carro (I, 1:00); Valle-Inclán Lusófilo, de Rosário Mascato Rey (I, 8:40); Velaí vai o papaventos, de Celia Díaz Núñez (II, 0:50) e mais Camarada, eu só quería facer algo bonito, de Begoña Díez Sanz (II, 5:15).”


Begoña Díez Sanz: “Gustoume ese toque de poder chamarlles camaradas aos lectores”

Entrevista de Ramón Mariño a Begoña Díez Sanz en Praza:
“Begoña Díez Sanz naceu en Valladolid. Leva máis dunha década vivindo en Galicia e agora, logo dun proceso de auto-inmersión lingüística, é galego-falante. Mais non quedou a cousa aí senón que vén de publicar o que é o seu primeiro traballo poético. E fíxoo en galego. En Camarada: eu só quería facer algo bonito, atopamos varias voces poéticas coa orixe na mesma autora, desde a sensual ata a máis reivindicativa, pasando pola íntima e persoal. Falamos con Begoña dos puntos que distinguen o seu poemario e das súas visións a respecto da muller, da lingua e da poesía por suposto. (…)
– Praza: A sorpresa para moita xente vai ser cando descubran que ti es de Valladolid e vexan que este primeiro traballo teu está en galego. Cando decidiches falar e escribir en galego foi unha maneira de posicionarte nun marco concreto ou o inicio dunha aventura para ti?
– Begoña Díez Sanz: Non, foi un posicionamento. Levo trece anos vivindo aquí, o ano pasado presenteime ao CELGA 3 e estudei pola miña conta. A literatura que consumo é toda en galego e considérome a día de hoxe galego falante. Indiferentemente da lingua que me falen, respondo en galego. Foi un camiño duro porque ser de Valladolid ás veces ponche unha etiqueta que non es. Os primeiros intentos de falar en galego foron recibidos con risos. Claro que teño erros aínda, son consciente deles e pido que me corrixan. Pero ao principio ninguén me corrixía e era como dicir “mira esta que vén falar en galego”. Iso tira para atrás cando querer falar unha lingua ten detrás unha ideoloxía e un sentimento. Especialmente polo galego e polas minorías. Deixei de falar en galego porque me daba vergoña. Tamén estaba como en terra de ninguén, para os galego-falantes eu non falaba galego e para as persoas con outras ideoloxías e xente de Valladolid, pois chamáronme de todo. Pero chegou un momento que decidín que tanto me tiña todo. Paseime ao galego estando fóra de aquí. (…)”