Boiro: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 29 de abril, ás 20:30 h., no Centro Social de Boiro, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Boiro e a Asociación Cultural Barbantia, estarán presentes, ademais do autor, Antón Riveiro Coello, Xesús Laíño, Gerardo Piñeiro e Xosé Deira.

As Pontes: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O xoves 28 de abril, ás 20:30 h., na Biblioteca Municipal das Pontes, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está coorganizado pola editorial e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Santiago, 30 de abril: Acto nacional pola lingua convocado pola Plataforma Queremos Galego

“Todo está xa en marcha para o vindeiro sábado 30 de abril vivirmos, a partir das 19:30 h. na compostelá Sala Capitol, unha gran festa colectiva en favor da nosa lingua e da nosa cultura. Un ACTO NACIONAL POLA LINGUA co que desde a Plataforma Queremos Galego desexamos amosar que a nosa é unha lingua viva, con forza e con futuro, malia os ataques recibidos polo actual goberno da Xunta de Galiza, do cal se fan estes días precisamente o seu segundo aniversario.
Desde Queremos Galego convidámosvos desde xa a que, se outros compromisos non volo impediren, nos acompañedes o día 30, a partir das sete e media, na Sala Capitol, nun acto onde palabras e sons na nosa lingua propia unirán toda a súa potencia para reclamarmos unha vez máis os nosos dereitos lingüísticos. Presentado e conducido polo polifacético creador e humorista Xosé Lois González “O Carrabouxo”, combinarase a música de Ugia Pedreira, Roi Casal e a súa banda, Miro Casabella e Roberto Sobrado coa palabra de Ernesto Chao, actual presidente de Escena Galega; Manuel Rivas; Teresa Moure; Pilar García Negro; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG); e Carlos Callón.
As entradas ao acto teñen un prezo simbólico de 5 euros, que se destinará integramente a axudar economicamente á Plataforma Queremos Galego para que poida continuar coas súas actividades. Na páxina web da plataforma está xa operativo un sistema de reserva de entradas, que podedes retirar na propia billeteira da Sala Capitol o propio día 30 a partir das 19:00 h. No mesmo sitio, na sección de materiais, podedes descargar baners publicitarios da iniciativa en diferentes tamaños para pórdes en páxinas, blogues, etc.
Esta gran festa da nosa lingua será ademais o punto de partida para a gran mobilización expansiva que desde Queremos Galego estamos a impulsar para o vindeiro 17 de maio, para a cal desde xa vos emprazamos e da que axiña daremos máis detalles.
Agardándomos desde xa a vosa presenza, recibide unha moi forte aperta pola lingua.”

Campos (Mallorca): presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O sábado 16 de abril, ás 17:00 h., na localida de Campos (Mallorca), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado por Acampallengua e Joves de Mallorca per la Llengua.

Santiago: recital poético en conmemoración do 950º aniversario da institucionalización da primeira unión homosexual en Galiza

O mércores, cuarta feira, 13 de abril, ás 19:00 horas, na Cafetaría Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) de Santiago, terá lugar un recital, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, en colaboración co Colectivo Gai de Compostela e a asociación BOGA – Lésbicas de Galiza, que conmemora o 950 aniversario da institucionalización máis antiga dunha unión homosexual conservada en Galiza. No acto participarán Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Callón, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo e Rosa Enríquez. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.

Lugo: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O luns 28 de marzo, ás 20:00 h., no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1 A) de Lugo, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está coorganizado pola editorial e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Cedeira: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 18 de marzo, ás 19:30 h., no Palacete Municipal de Cedeira (Avenida de Castelao, s/n.), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e a Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá Fernando Iglesias, acompañando ao autor.

Padrón: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 11 de marzo, ás 20:30 h., na Casa do Patín (Porto Fondo da Vila, 4) de Padrón, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e a Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá Sara Seco, acompañando ao autor.

Allariz: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 4 de marzo, ás 20:00 h., na sede da Fundación Vicente Risco (Rúa San Lourenzo, 3) de Allariz, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Libraría Aira das Letras, intervirá o alcalde de Allariz, Francisco García, así como o propio autor.

Carlos Callón gaña o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.-Valorar a calidade científica e ensaística dos traballos presentados.
2.-Conceder o XVI PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Tombo de Celanova e co título Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Carlos Manuel Callón Torres, domiciliado en Bertamiráns-Ames.
Neste ensaio o autor reflexiona sobre a problemática da homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico do galego medieval (particularmente as cantigas de escarnio e maldicir) e de textos historiográficos e xurídicos. Analízase con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2011.”

A nova recóllese en Galicia Hoxe, Galiciaé, A Nosa Terra e Cultura Galega.