Cartas de inverno e un lapis dixital

Reportaxe en Praza:
“(…) As orixes do proxecto [Cartas de inverno] agroman cando Antonio Seijas recibe o encargo de Xerais de ilustrar a cuberta para a vixésima edición de Cartas de inverno. “Dende o primeiro intre saltoume a idea de debuxala. Cativoume a súa ambientación, a súa estrutura a xeito de matrioskas rusas, a historia dentro da historia… É unha obra redonda”. (…)
Toda a interpretación é responsabilidade da lectura do debuxante: o contorneo da ficción, o traslado da atmosfera. Preocupáballe non deixar escapar as sensacións. “Dáme un pouco o mesmo se unha man está máis ou menos perfilada ou se unha liña non vai tan recta como debera. O que precisaba é que unha páxina transmitira tristura ou desacougo, frialdade ou soidade…”. El quería repartir emocións a través das imaxes e non é doado. “Non é o mesmo a linguaxe escrita que a linguaxe verboicónica propia da banda deseñada –sinala Fernández Paz-. E, aínda que nos textos Seijas vai moi pegado á novela, reproducindo en moitos casos anacos textuais, o certo é que as imaxes e a montaxe da páxina xogan un papel decisivo”. De feito, no limiar do álbum, feito polo propio escritor, dísenos que o resultado era ese que Seijas buscaba: “A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor”. (…)”.

Cartas de inverno ten algo especial, e eu síntome privilexiado por levalo a imaxes”

Entrevista a Antonio Seijas en Dioivo:
Cartas de inverno, o coñecido libro de Agustín Fernández Paz, terá unha versión en banda deseñada, editada por Xerais, que sairá do prelo o próximo outono. Falamos con Antonio Seijas, o ilustrador que se está a encargar deste proxecto.
– Dioivo: Primeiro, como xorde o proxecto de pasar a banda deseñada Cartas de inverno. Foi un encargo da editora?
– Antonio Seijas: Escribín unha introdución no album para explicar como foi xurdindo todo. En líneas xerais podo dicir que foi cousa miña. Anos atrás Xerais encargoume a cuberta para unha nova edición do libro, e desde entón levaba dándolle voltas á idea de facer unha adaptación a banda deseñada. A partir de aí foi cuestión de comentarllo a Xerais e máis a Agustín, que sempre estiveron a favor da idea, e ir atopando tempo para facelo. (…)”