Desde Nós Diario (foto do Parlamento):
“O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, encabezou a homenaxe da institución á Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento, na que se levou a lectura dunha parte da obra da escritora, a cargo de alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Padrón.
Santalices afirmou que “Rosalía pode e debe estar sempre presente no Parlamento de Galiza”, e enmarcou a importancia da súa figura no contexto do corenta aniversario do Parlamento.
“A Galiza das últimas décadas é protagonista dun rexurdimento intenso que se manifesta en todos os ámbitos: no cultural, no lingüístico, no económico ou no político”, engadiu o presidente da cámara democrática galega.
Para Santalices, ese rexurdimento non tería sucedido “sen a sementeira principiada por Rosalía de Castro, e por tantas e tantos outros, pero singularmente por Rosalía, que coa súa obra, e mesmo co seu exemplo, activou os resortes que sustentan o noso amor propio; o orgullo de ser galegos, a conciencia de ser donos do noso futuro, saber que temos unha lingua propia, agarimosa e nobre”.
O presidente do Parlamento galego asegurou que “somos herdeiros de Rosalía e estamos en débeda con ela”.
Tamén chamou a asumir como propia unha reflexión de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nesta edición do Día das Letras Galegas, dirixiu ás súas amizades en 1977. “A Galiza é o primeiro, debe estar por enriba de todo no noso corazón, no noso pensamento e nas nosas accións. Este sentimento, sempre vixente, cada vez máis vixente, non se opón, máis ben os reforza, aos vosos ideais sociais e políticos”.
No acto, ademais de Santalices, participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, integrantes da Mesa da Cámara e dos grupos parlamentarios, o conselleiro de Cultura, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do pobo e o presidente da Real Academia Galega, entre outros.”