Cáceres: conferencia e recital poético de Mario Regueira e Lorena Souto

O xoves 18 de abril, ás 12:00 horas, no Laboratorio 2 da Facultade de Filosofía e Letras de Cáceres, o Centro de Estudos Galegos de Cáceres, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), ofrece unha nova conferencia na Facultade de Filosofía e Letras desta cidade.
Mario Regueira e Lorena Souto presentarán en Cáceres os relatorios Literatura galega, unha literatura política e Resistir hoxe: Novos panoramas na poesía galega actual nos que, ademais de facer un percurso histórico polos diferentes períodos, recitarán versos propios e doutros autores/as da nosa literatura.