Bases do XXI Certame Literario de Piñor

“A Asociación Música e Cultura de Galicia convoca o XXI Certame Literario de Piñor na especialidade de narracións breves.

1.- Establécense dúas categorías: A para participantes maiores de idade e B para participantes menores de idade.
Outorgaranse catro premios:
– 1º da categoría A: diploma, obsequio conmemorativo e 100 €.
– 2º da categoría A: diploma, obsequio conmemorativo e 70 €.
– 1º da categoría B: diploma, obsequio conmemorativo e 70 €.
– 2º da categoría B: diploma, obsequio conmemorativo e 60 €.
Para recibiren os seus galardóns, os gañadores deberán comparecer obrigatoriamente no acto de entrega de premios, perdendo ese dereito no caso contrario.
Un premio poderá ser declarado deserto cando o xurado así o determine e sempre por causa fundamentada.

2.- Os relatos, de temática libre, deberán ser orixinais, inéditos, en galego e non poderán estar xa premiados noutros certames. A súa extensión non excederá de 10 folios, mecanografados por unha soa cara e con interliñado de duplo espazo.

3.- Os traballos enviaranse por correo ordinario á Asociación Música e Cultura de Galicia (Rúa do Pito, 1. C. P. 32930. San Lourenzo de Piñor. Ourense), indicando no sobre: PARA O XXI CERTAME LITERARIO DE PIÑOR. Xunto cos traballos, os participantes deberán envia-los seus datos nun sobre no que aparecerá pola súa parte externa, o lema ou pseudónimo, así como a categoría na que participan. Dentro del, figurará o nome e apelidos do autor, idade, enderezo, correo electrónico e número de teléfono. Os traballos tamén poderán ser enviados mediante un correo electrónico a justocalvio@yahoo.es con dous arquivos Word, contendo o primeiro deles, denominado “relato”, a obra a concurso; e o segundo, denominado “plica”, os datos persoais que se esixen do autor. O prazo de admisión pecharase o mércores, 11 de maio de 2016.

4.- O fallo do xurado será inapelable e a entrega dos premios será o sábado, 21 de maio do 2016, nun acto que se celebrará no Teatro Principal de Ourense.

5.- Os relatos premiados publicaranse na web da A.C. Música e Cultura de Galicia (www.musicabarbadas.com), así como noutros medios de difusión. Os gañadores deberán enviar por correo electrónico os seus traballos á organización do certame. Destruiranse tódalas narracións presentadas ao certame, polo que non serán devoltas aos seus autores.

6.- A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao xurado e o feito de presentaren as súas obras supón a conformidade dos participantes coas presentes bases.

Ourense, 8 de marzo de 2016″

Convocado o XX Certame Literario de Piñor de narracións breves

BASES DO XX CERTAME LITERARIO DE PIÑOR

As asociacións Música e Cultura de Galicia e Xoves Amigos do Concello, convocan o XX Certame Literario de Piñor na especialidade de narracións breves.

1.- Establécense catro categorías, premiándose os dous mellores relatos en cada unha delas.
-Categoría A para participantes maiores de idade.
-Categoría B para participantes de 15 a 17 anos.
-Categoría C para participantes de 12 a 14 anos.
-Categoría D para participantes ata 11 anos.
Cada premio constará dun diploma, diversos agasallos e un lote de libros. Ademais entregaranse cheques ós gañadores por importe de 620 euros, repartidos do seguinte xeito: 1ºA: 200€; 2ªA: 120€; 1ºB: 100€; 2ºB: 60€; 1ºC: 60€; 2ºC: 30€; 1ºD: 30€; 2ºD: 20€.

2- Os relatos, de temática libre, deberán ser orixinais, inéditos, escritos en galego e non poderán estar xa premiados noutros certames. A súa extensión non poderá exceder de 10 folios, por unha soa cara e con interliñado de duplo espazo. A temática será libre. Os traballos deberán ser mecanografados, admitíndose tamén traballos manuscritos nas categorías C e D.

3.- Os traballos enviaranse por correo ordinario á sede social da Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia (Barrio de Requeixo, 70. CP 32930. San Lourenzo de Piñor. Ourense), indicando no sobre: PARA O XX CERTAME LITERARIO DE PIÑOR. Xunto cos traballos, os participantes deberán envia-los seus datos nun sobre no que aparecerá pola súa parte externa, o lema ou pseudónimo, así como a categoría na que se participa. Dentro del, figurará o nome e apelidos do autor, idade, enderezo, correo electrónico e número de teléfono. Os traballos tamén poderán enviarse mediante un correo electrónico a justocalvio@yahoo.es con dous arquivos Word contendo o primeiro deles, denominado relato, a obra a concurso; e o segundo, denominado plica, os datos persoais que se esixen do autor.

4.- O prazo de admisión pecharase o venres, 20 de maio de 2011, ás 19:00 h. O fallo do xurado será inapelable e a entrega dos premios terá lugar o domingo, 5 de xuño do 2011 ás 20:00 h., nun acto literario/musical que se celebrará no Teatro Principal de Ourense. Os galardóns poderán declararse desertos.

5.- Os relatos premiados serán recollidos na web da Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia, reservándose tamén os organizadores o dereito de publicalos. Os oito gañadores deberán enviar á organización do certame os seus traballos, por correo electrónico, nos días seguintes a comunicárselle os premios e antes da súa entrega. Destruiranse tódolos traballos presentados ó certame, polo que non serán devoltos ós seus autores.

6.- A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ó xurado. O feito de presentaren as súas obras supón a conformidade dos participantes coas presentes bases.

Barbadás, a 20 de febreiro de 2011.