Manuel Gago: “A identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Manuel Gago en Praza:
“(…) Presentouse o proxecto expositivo ‘Cidades do Tempo’, un conxunto de sete mostras sucesivas, organizadas pola Xunta e por Afundación e comisariadas por Manuel Gago, que nos dous vindeiros anos buscarán poñer en valor a identidade urbana de Galicia. A primeira desas exposicións, dedidaca á cidade de Santiago, inaugurouse este sábado en Compostela, na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19), onde se poderá ver ata o 10 de setembro. Despois, ata mediados do ano 2024, será a quenda de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense. (…)
“Todos os datos económicos e demográficos revelan que o presente e o futuro de Galicia é urbano. Porén, por incrible que pareza, a identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana, pero tamén o mundo mariñeiro”, destaca Manuel Gago en conversa con Praza.gal.
“A exposición intenta situar Galicia nun esquema que é normal en calquera sociedade europea, é dicir, unha sociedade complexa, con múltiples factores e identidades. A un francés ou a un británico non se lle ocorre pensar que o seu país é só dunha única maneira. Galicia é unha sociedade complexa e diversa e non é real pensar que hai unhas supostas esencias que corresponden unicamente ao espazo rural. O factor urbano está presente e configura todo o que somos”, subliña.
Galicia non conta cunha Barcelona, unha gran cidade que nuclea ao seu redor o conxunto do país, senón con sete cidades de mediano e pequeno tamaño, fortemente conectadas e que funcionan en rede. E que, ademais, son moi permeables coa contorna rural que as rodea e coa que establecen continuas relacións. “Cando pensabamos na cidades ás veces tiñamos un concepto de cidade moi pechado e máis propio doutros territorios, cunhas fronteiras moi nidias entre o rural e o urbano. En Galicia, en cambio, o modelo das cidades é híbrido, moi adaptado ao territorio, no que rural e urbano están moi entrecruzados, para o bo e para o malo”, explica Gago. “Galicia non ten grandes cidades, pero esta realidade deriva dunha determinada xeografía e estrutura do medio, que acabou configurando un modelo propio”, engade.
“As fronteiras entre o rural e o urbano non son tales. Esa idea quixemos reflectila na imaxe gráfica do proxecto expositivo, realizada por Desoños, construída a partir do límite dos termos municipais das cidades, máis amplos ou máis reducidos, amosando que eses límites sempre están en negociación co espazo do redor. Cando fixamos de forma moi estrita esta fronteira, o que facemos é limitar o que queremos contar sobre nós mesmos”, comenta.”