Desde a Mesa pola Normalización Lingüística:
“O pasado 17 de decembro presentábase en Donostia o texto final do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos. Asinado por centos de entidades sociais de toda Europa e promovido por organizacións internacionais como ELEN, CIEMEN, Linguax, UNPO, PEN International e Kontseilua de Euskaherría. Hoxe as entidades sociais galegas que xa se adheriron ao documento presentárono publicamente co obxectivo de comezaren un amplo proceso de difusión dun texto que pretende dotar de capacidade de exercicio práctico a dereitos lingüísticos recoñecidos mais “coa condicionados a non se exerceren”.
O Protocolo de Donostia é froito dun proceso de acordo desenvolvido nos anos previos por diferentes grupos de traballo, combinando os enfoques científico, académico e social, para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas, de maneira que este protocolo foi trasladado a foros e instancias internacionais para que institucións de diferente carácter o utilicen como instrumento práctico do seu compromiso coa diversidade lingüística. Continúa así co establecido en 1996 coa aprobación en Barcelona da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos.
Segundo explicou Pilar García Negro, membro do Comité científico do documento internacional, o protocolo é fillo da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos aprobado en 1996 e que pretendía dotar de contido o artigo 2 da declaración de dereitos humanos que contempla a non discriminación, entre outros motivos, por razón de lingua.
O protocolo consta de catro obxectivos principais: reivindicar a garantía da diversidade lingüística e o desenvolvemento das linguas; crear unha ferramenta efectiva para a igualdade lingüística e o desenvolvemento das linguas en situación de desvantaxe; presentar as comunidades lingüísticas como suxeitos dentro deste proceso e reivindicar o seu papel de garantes dunha xestión xusta da sociedade.
Pilar García Negro interviu acompañada de representantes de diversas entidades con práctica continuada de defensa e promoción da lingua galega: Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística), Anxo Louzao (CIG-Ensino), Romina Bal (ProLingua), Queca Carballo (Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización da Lingua), Andrés Bellas (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia, APRADOGA), Mercedes Queixas (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG) e Séchu Sende (A Semente Escolas de ensino en galego). Sigue lendo
Arquivos da etiqueta: CIEMEN
A AELG adhírese ao Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai pública a súa adhesión ao Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos promovido por Kontseilua, o Consello dos Organismos sociais do Eúscaro e a Fundación Donostia/San Sebastián 2016; dirixido polas entidades ELEN, Linguapax, UNPO, PEN International, EMCI e CIEMEN, e completado coas achegas de entidades sociais que traballan polas linguas minorizadas de Europa, entre elas a Mesa pola Normalización Lingüística.
O Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos presentarase en Donostia os días 15, 16 e 17 de decembro.