Lara Dopazo gaña o I Premio Literario Nortear con Clamentina

DesdeCARTAZ_Pr_mio_Liter_rio_APROBADO_8062015_p a Consellería de Cultura:
“A obra Clamentina, de Lara Dopazo Ruibal, fíxose coa primeira edición do premio literario Nortear, un certame promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) que ten como principal obxectivo incentivar a creatividade da mocidade escritora de Galicia e do norte do país veciño.
O xurado, constituído pola directora da AECT, Maria Geraldes, que participou como presidenta; polos escritores galegos Ledicia Costas e Carlos Arias; e polo editor executivo de Edita-me Editora, Carlos Lopes, destacou a beleza da historia, a través do uso marcadamente literario e persoal da linguaxe, do dominio seguro e orixinal da técnica narrativa e do ritmo da obra, acompañado de dimensión lírica.
Xunto con este premio, dotado con 2.000 euros, o xurado tamén decidiu concederlle unha mención de honra pola súa calidade á obra Coração cheio de nada, da autoría de João Maria Cardoso.
Un total de 60 traballos concorreron á primeira edición deste certame, dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 36 anos, nacidos ou empadroados na rexión norte de Portugal ou en Galicia, con obras literarias orixinais e inéditas escritas en lingua galega ou portuguesa, que se encadren no xénero narrativo, no subxénero do conto. (…)”