Entrevista de Montse Dopico a Puri Ameixide en Praza:
“Claro de lúa (Xerais) é unha novela decimonónica, mais pensada desde o século XXI. Con feitura e personaxes clásicos. E co encanto do, simplemente, ben escrito. Cun transfundo social e político que axuda a cuestionar a visión hexemónica dalgún feito histórico. Falamos coa súa autora, Puri Ameixide.
– Praza (P): Rosa, unha rapaza orfa, pobre, intelixente, curiosa e bondadosa, parécese á clásica heroína de novela decimonónica. Como xorde esta personaxe? Que ten das heroínas de Austen ou Brönte? Ou é unha comparación, se cadra, esaxerada?
– Puri Ameixide (PA): A comparación é moi de agradecer aínda que Rosa en moitos aspectos é unha muller do século XVIII, non do XIX. O XIX vai ser o século da exaltación sentimental, da loita polas liberdades individuais e sociais, pero aínda estamos en 1808 e ela non ten estas aspiracións. Por outra parte as heroínas desas grandes autoras británicas proceden dunha sociedade moi diferente da nosa. A primeira estatística oficial con datos sobre a educación no estado español é de 1841 e informa só un 9,2% de mulleres alfabetizadas. Máis de trinta anos antes, Rosa sabe ler porque así lle conviña á súa ama, pero aí remata toda a súa formación.
– P: A novela leva o título de ‘Sonata en tres tempos’ e adopta diferentes ritmos, nas súas tres partes, segundo vai avanzando a historia. O propio título vén do nome popular da Sonata para piano nº 14 de Beethoven, coa que un dos personaxes “pelexa” na novela. Por que ese ronsel musical e que relevancia ten na técnica narrativa? (Que, por outra banda, tamén é bastante clásica: narrador, progresión lineal, diálogo…)
– PA: Inspireime, de feito, nas grandes novelas decimonónicas non tanto para a construción das personaxes senón para a arquitectura da novela e creo que conseguín bastante o meu propósito, aínda que era bastante disparatado: eu pretendía construír unha novela en tres partes, como adoitaban publicarse no dezanove as grandes obras que previamente tiveran éxito por entregas, pero de xeito que, como o protagonista sería un pianista, a obra debía ser unha sonata, e cada unha das tres partes reflectiría o mellor posible o ritmo, o sentimento e os matices da partitura elixida. A sonata 14 de Beethoven, posteriormente denominada “Claro de Lúa” (pois el nunca lle poñería un título tan cursi) ofreceume exactamente a forma e o ton narrativo que eu quería, e por iso cada unha das tres partes da novela ten unha personalidade propia e obedece a unha influencia diferente.
De Charlotte Brontë, xa que preguntabas antes, tomei o ton narrativo da primeira parte, un adagio sostenuto, é dicir, intenso e melancólico pero sen excesos, ademais a miña protagonista é unha rapaza orfa con grandes méritos persoais que se namora do home para quen traballa, pero aí remata toda semellanza con Jane Eyre, quen si que é unha heroína romántica sen fisuras, cunha personalidade moi desenvolvida, froito da resiliencia tras unha infancia terrible pola que Rosa non tivo que pasar.
A segunda parte da novela é máis austeniana, tanto polo triángulo amoroso como polo humor da voz narradora, con intromisións que agora irán in crescendo ata o final, e non se pode negar que Leonor Montenegro é unha versión, un pouco menos perversa, da Mary Crawford de ‘Mansfield Park’. Todo iso axústase perfectamente co ritmo de allegretto do segundo movemento da Catorce.
Respecto á terceira parte, nela reside para min o verdadeiro miolo do asunto, e nela desátase un presto agitato que se corresponde co episodio da guerra. Nunca me atreverei a compararme con Tolstoi pero fixen o posible por contar o episodio galego das guerras napoleónicas ao igual que el contou o ruso: sen faltar á verdade aínda que iso decepcione a algún patriota e reflexionando sobre o papel do individuo nos grandes conflitos globais sen esquecer que “sempre existe en última instancia a decisión persoal e, como di Campos, non son os gobernos os que conviven, senón as persoas”. (…)”