Héctor Pena, gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo

Desde Nós Diario (foto do autor, desde Nós Diario):
“O xornalista deportivo Héctor Pena resultou gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu con Historia inacabada do deporte galego, unha reportaxe publicada en Nós Diario e que destacou entre as dezaoito obras presentadas.
O xurado, que se reuniu na tarde onte estivo conformado por Antía Yáñez, escritora e gañadora da edición anterior, Susana Pedreira, xornalista radiofónica e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira.
Na acta, o xurado salientou “o traballo xornalístico de investigación levado a cabo polo autor para documentar diferentes ámbitos do deporte e a súa relación coa identidade do país”. A reportaxe “fusiona pasado, presente e futuro dos deportes galegos que van desde o fútbol até os deportes autóctonos e populares, pasando polas traíñas e as artes marciais”. O autor “dálle o lugar que merece” ao deporte paralímpico, sen esquecer a perspectiva de xénero.
O xornalista recibiu “sorprendido” a nova de ter gañado o premio convocado polo Concello de Bueu cunha colección de artigos que, en declaracións do propio autor, versan sobre “un tema que non está moi reivindicado”, explica Pena a Nós Diario.
“Coincidindo co centenario da Selección Galega de Fútbol aproveitamos para reivindicar toda esa parte do noso deporte que non se coñece como reivindicación de país, botando luz ao papel das mulleres na historia do deporte galego”, aclara.
“Esa foi a idea: construír país e reivindicar as nosas seleccións como as nosas deportistas”, engade Pena. “Unha idea que xorde a raíz da exposición Galiza: un pobo unha selección da plataforma Vía Galega que eu comisariei”, conclúe o xornalista, enviando un agradecemento á entidade social.”

Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía

Desde Nós Diario (foto do autor por Andrea Fernández Maneiro):
“Manuel López Rodríguez resultou gañador do XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario 831-Urb, que salientou de entre as cincuenta e tres obras presentadas.
O xurado, que se reuniu onte, estivo conformado polas poetas e profesoras Lucía Novas e Elvira Ribeiro, e Antón Lopo, tamén poeta e editor. Na acta, o xurado destacou que “é un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza”.
A obra está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que “pode lerse tamén como unha aventura de disfraces”.
Manuel López, poeta de Noia, cofundou o Colectivo Literario Sacou. Ten publicado libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule ou Nas pulsacións, alén de participar en revistas e volumes colectivos.
A súa obra mereceu numerosos premios de poesía, como o Suso Vaamonde, o Eduardo Pondal, o López Ardeiro, o Rosalía de Castro, o Francisco Añón do Concello de Outes, ou o Lueiro Rei, entre outros.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político nacionalista, poeta e xornalista de Bueu, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, que tamén foi alcalde de Bueu até o seu asasinato a mans dos franquistas.
Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.”