Gondomar: Poesía e chocolate: dous praceres intensos e escuros, obradoiro de poesía para mozos e mozas dirixido por Carlos Negro

O xoves 25 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, o poeta Carlos Negro estará cos mozos e mozas do Comando Le para conducir un obradoiro co suxestivo título de Poesía e chocolate: dous praceres intensos e escuros. Faremos unha indagación sensual e gorentosa no vicio da poesía, suxerindo definicións, lendo textos, saboreando palabras… Misterio, emocións, amor, unha sesión chic e fashion. E quizais algunha sorpresa que aínda non aparece nos papeis.
O obradoiro inscríbese dentro da Semana do Libro e a Lectura 2013 que Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, organiza dende o 22 ao 27 de abril con motivo da celebración do Día do Libro.

Convocada a XI edición do Premio Literario Conde de Gondomar

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O Concello de Gondomar convoca a XI edición do Premio Literario Conde de Gondomar.
– Poderán participar todos os mozos/as do Val Miñor que teñan entre 10 e 20 anos.
– O certame conta co apoio do Instituto de Estudos Miñoranos e a Deputación de Pontevedra.
Nesta XI edición, organizada pola Concellaría de Educación, establécense dúas modalidades, Poesía e Relato Curto. Poderán concorrer todos os autores de 3º Ciclo de Educación Primaria, ESO e Bacharelato que residan no Val Miñor e non superen os 20 anos.
Os e as participantes poderán presentar, individualmente, unha única obra, por cada unha das modalidades, de tema libre que deberá remitirse, antes do día 13 de abril de 2013, ás Oficinas do Concello de Gondomar (Rexistro), na seguinte dirección: Praza Doutor Latino Salgueiro s/n 36380 Gondomar.
Todos os interesados que desexen maior información poderán consultar as bases do certame no Concello.”

“Unha noite na biblioteca” de Gondomar

«O vindeiro sábado 21 de xuño celebraremos unha experiencia innovadora e atrevida no ámbito do fomento da lectura: unha noite na biblioteca, organizado por Espazo Lectura coa colaboración do Concello de Gondomar. O programa […] consta de dúas partes. A primeira é para nenos e nenas de todas as idades e a asistencia é totalmente libre e celebrarase no exterior, na Praza de Portugal, diante da Biblioteca. A segunda parte do programa celebrarase na biblioteca e é necesario inscribirse. Hai 25 prazas e daráselle preferencia aos nenos e nenas que participaron ao longo do curso nas nosas actividades de fomento da lectura (Contomar ou Lendo Contigo). Estamos seguros de que será unha fermosa e intensa noite de pixamas na biblioteca. […]» (Espazo Lectura)