Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“(…) O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto no que se deu a coñecer o fallo do II Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual e se presentaron as bases da terceira edición. Este galardón recuperouse o ano pasado con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa USC, mantendo a esencia pola que se creou e orientándoo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela.
O acto foi conducido pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, quen quixo lembrar a poeta, falecida o ano pasado, coa lectura do seu poema “Sueiro”. Nesta edición de 2017 presentáronse dous traballos audiovisuais, Supergalegas, baixo o pseudónimo de María Pita, e Concha Castroviejo. Arelas de liberdade, baixo o pseudónimo de Flavio. O xurado acordou, por unanimidade, outorgar o premio Xohana Torres na modalidade de creación audiovisual á obra titulada Concha Castroviejo. Arelas de Liberdade, tendo en conta a calidade e guión do traballo, as entrevistas realizadas, a incorporación de datos biográficos que supoñen un recoñecemento histórico e, xa que logo, polos méritos creativos, técnicos e documentais que concorren na obra. O premio, que está dotado de 2.500 euros, é para os autores Aurora Marco e Pablo Ces.
Aurora Marco recoñeceu que “este traballo feito co meu fillo busca devolver a entrega das mulleres pola loita feminista”, ao mesmo tempo que definiu a Concha Castroviejo como unha muller con “moito talento”. Pablo Ces agradeceu ao Concello “pola convocatoria dun premio que é tan necesario como oportuno, porque o cambio que debe producirse facémolo entre todos e todas”. (…)”