Deuse a coñecer o fallo do xurado do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse, organizado polo Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa:
“O Xurado composto por:
– José Juan Durán Hermida (en representación da Deputación Provincial)
– Alfonso Saavedra Lourido (en representación do Liceo Casino)
– Soledad Rey Fernández (xornalista do Faro de Vigo, en representación da prensa local)
– José Álvarez Domínguez (en representación dos grupos de teatro local e comarcal)
– Germán Manuel Torres de Aboal (en representación do profesorado e do Liceo Casino)
– Óscar Rodríguez Carballo (Xerente do Liceo Casino, Secretario do Xurado)
Celebrou xuntanza deliberativa o día de hoxe [luns 21 de marzo] de 13:30 h. a 16:45 h., e emitiu o seguinte fallo do I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse:
* 1º) Premio, dotado con 600 euros, do que resultou gañador: Alejandro Gustavo Guanella, residente en Vilagarcía de Arousa, coa obra: Polos opostos (Traxicomedia).
* 2º) Premio, dotado con 300 euros, que foi outorgado a: Ana María Galego Gen, con domicilio en Ferrol, coa obra: Don Matute e a árbore que falaba.
* 3º) Premio, dotado con 150 euros, para María Martínez Barcala, de Vilagarcía de Arousa, coa obra: Todo no seu tempo.
O fallo do xurado é inapelable e os concursantes aceptaron coa súa participación a totalidade das bases polas que se convocou este I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse. A entrega de premios terá lugar o venres 25 de marzo ao final da obra de teatro dese día, dentro da I Semana de Teatro, que se vai celebrar no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. A Semana de Teatro é dirixida, en primeiro lugar, aos socios do Liceo Casino, pero, tamén nunhas xornadas de portas abertas, para todo o público de Vilagarcía e a súa comarca aos que lles guste o teatro, o noso teatro.
Atte.- Xermán Torres – Vcpte. e Secretario de Actividades Culturais do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa.”
Arquivos da etiqueta: Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse
Convocado o I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse
Convócase o I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse, organizado polo Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, coas seguintes
BASES
1.- O Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa convoca o I Concurso de creación teatral Manuel Rey Posse, en homenaxe a este querido, popular e lembrado artista local e socio de honra da nosa sociedade. Poderán participar nel todas as persoas que así o desexen e o xulguen oportuno, nunha única categoría, aberta a todas as idades e que someten as súas obras ao indicado nestas bases e á valoración do xurado do concurso que serán quen de xulgar a calidade e mérito suficiente das obras, para seren no seu caso agraciadas cos distintos premios.
2.- As obras poderán ser de calquera xénero e modalidade de teatro, a condición necesaria e indispensable é que estean escritas en lingua galega, seguindo a normativa vixente para a nosa lingua emanada das directrices da Real Academia Galega.
3.- Cada autor/a só poderá participar cunha única obra, que será presentada mecanografada a doble espazo, encadernada e coas páxinas numeradas.
4.- A temática será totalmente libre; pero, ha ser respectuosa coas persoas e institucións e non atentará contra os valores de defensa dos Dereitos Humanos e de Igualdade de Xénero, o que non impedirá que sexa crítica, chea de creatividade e orixinalidade.
5.- Estableceranse tres premios:
– 1º) Premio, que será dotado con 600 €.
– 2º) Premio, dotado con 300 €.
– 3º) Premio, cunha dotación de 150 €.
Os premios non poderán ser declarados desertos, agás que non haxa o número suficiente de obras para adxudicalos todos. A súa adxudicación será sempre partindo do primeiro.
6.- As obras premiadas pasarán a ser propiedade do Liceo Casino, que poderá, se hai lugar e oportunidade, publicalas ou representalas (xestionándose as estreas con grupos locais de teatro e para representar na seguinte edición da Semana de Teatro Manuel Rey Posse, que organizará cada ano o Liceo Casino. Os dereitos da primeira posible edición e da estrea serán cedidos polos autores en beneficio do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa. As seguintes, devengarán en beneficio dos propios autores/as.
7.- O veredicto do xurado será inapelable e será o único autorizado para a interpretación e execución destas bases.
8.- O xurado estará formado por:
a) O Presidente do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, quen poderá delegar en calquera membro da súa Xunta Directiva. Exercerá como Presidente do Xurado.
b) Un docente especialista en lingua e literatura galega ou un escritor/a, designado polo Liceo Casino.
c) Un representante da Administración Pública ou Entidade privada que subvencione esta actividade, designado por elas mesmas.
d) Un representante dos grupos de teatro locais, nomeado polo Liceo Casino.
e) Un representante dos medios de comunicación locais, designado polo Liceo Casino.
f) O Xerente do Liceo Casino, que actuará como Secretario do Xurado con voz, pero sen voto.
O xurado para poder actuar, estará alomenos constituido pola metade dos seus compoñentes, este será o quorum mínimo.
Ao final das deliberacións elaborarase unha acta, comunicarase o resultado aos premiados e aos medios de comunicación social.
9.- As obras serán enviadas ao Liceo Casino, R/ Castelao, 5 – 36600 Vilagarcía de Arousa por correo ordinario, indicando no sobre o nome do concurso. Enviaranse baixo plica con lema, incluindo nun sobre pechado co mesmo lema os datos identificativos do participante (nome e apelidos, NIF, enderezo postal, números de teléfono, correo electrónico).
10.- O prazo de entrega de orixinais rematará o 15 de marzo de 2011, as obras que cheguen fóra de prazo non serán tidas en conta baixo ningún concepto.
Os orixinais non premiados poderán ser retirados nas instalacións do Liceo Casino en horario de oficina, demostrando co NIF a súa identidade e asinando un recibí. Transcorridos tres meses despois da entrega de premios, as obras non premiadas serán totalmente destruidas.
11.- A entrega de premios será o día 25 de marzo de 2011, no transcurso da clausura da Semana de Teatro Manuel Rey Posse, que se celebrará dito día a partires das 21:00 h, no Salón de Actos do Liceo Casino. Prégase encarecidamente a tódolos premiados/as acudan a ese acto a recibir persoalmente o seu premio, previa a correspondente identificación. (Os premiados asinarán un recibí e un documento de cesión de dereitos, tal como se recolle nestas bases).
12.- Os premios, se é o caso, estarán suxeitos á fiscalidade vixente.
13.- O galardonado/a co 1º premio será invitado a participar no xurado da seguinte edición.
14.- A participación neste concurso implica a aceptación plena e absoluta das presentes bases.
Vilagarcía de Arousa, 31 de xaneiro de 2011.