‘RosalíaTe’ facendo videopoemas de 20 segundos

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“O 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía e sumándose a esta conmemoración a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o campus de Ourense veñen de convocar o Concurso de Videopoemas RosalíaTe. Nel convídase aos membros da comunidade universitaria a presentar nunha videogravación feita co teléfono móbil na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa, explican os organizadores, é transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.
Segundo explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación promotora da iniciativa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. Este ano, engade, baixo o título RosalíaTe, “propón actividades nas que se coñeza, recoñeza, recree e actualice a obra da autora fundacional da literatura galega e a través dela fomentar a conciencia como pobo, especialmente entre as xeracións máis novas”. O campus de Ourense, sinala a docente, “únese ao movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento cunha serie de iniciativas, como son a convocatoria deste concurso de videopoemas e a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro”. Nestas actividades participan a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.

Requisitos e suxestións para participar
Ao certame poderá presentarse calquera persoa de xeito individual ou colectivo pertencente á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, podendo enviarse só un traballo por persoa. A duración da videogravación non excederá os 20 segundos, sendo o fragmento elixido e a temática totalmente libres. O vídeo gravarase cun teléfono móbil coa maior resolución posible e en horizontal, aconsellándose os formatos mp4, mov, mpg, avi e wmv. Gravarase un plano fixo, sen facer zoom nin movementos bruscos, e en cor ou en branco e negro. Desde a organización inclúen na convocatoria unha serie de suxestións creativas, como que a montaxe busque reflectir, dende propostas creativas e diversas, o universo lírico e paisaxístico da obra de Rosalía de Castro. Tamén animan a que as achegas recollan elementos visuais propios da súa obra ou que se refiran a ela, dende calquera punto de vista, e que recollan o patrimonio natural e cultural do campus de Ourense. Para incidir na accesibilidade universal e a integración social, nas bases do certame indícase que pode resultar suxestivo incluír a linguaxe de signos ou a escrita nas propostas, citando como exemplo escribir algunha palabra ou verso en cartolinas que sexan lexibles ou nalgunha parte do corpo. Nas achegas pode aparecer máis dunha persoa compartindo a estrofa seleccionada e pódese experimentar con planos distintos.
Un xurado nomeado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense seleccionará os traballos pola súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía menos populares. Os premios consistirán en lotes de libros, de discos e de elementos publicitarios do campus de Ourense. Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro durante a celebración do Día de Rosalía e se exhibirá posteriormente na páxina web da Vicerreitoría e nas redes sociais. Os traballos poden enviarse ata o día 21 de febreiro de 2017.”