Arquivos da etiqueta: Confraría de Pescadores do Pindo
Versos no Olimpo colleita unha calurosa benvida nas súas presentacións públicas
Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural:
“A obra poética colectiva Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, microfinanciada e editada grazas á nosa rede de colaboradores, non puido recibir unha benvida máis calurosa nas súas primeiras presentacións en sociedade por parte non só da xente que comprometera as súas achegas para ver este soño literario feito realidade, senón tamén por parte de quen, non tendo formado inicialmente parte do proxecto, desexa facerse con esta xoia literaria nacida da suma de sinerxias de moitísimas persoas boas e xenerosas.
O pasado martes 25 de xuño á tardiña, Versos no Olimpo foi recibido na capital galega por todo o alto. No escenario inmellorábel da libraría Couceiro os seus dous coordinadores, Miro Villar e Francisco Xosé Fernández Naval, asi como Merche Díaz e Xil Caamaño en nome da nosa Asociación, foron debullando tanto os seus aspectos literarios coma os técnicos que levaron a materializar a antoloxía. (…)
O sábado 29 ás 19:00 horas, xusto cando arribaban ao Pindo os participantes da celebrada subida ao Olimpo Celta que nos deixou unha nova marabillosa, producíase outra boa noticia co cheo rexistrado na Confraría de Pescadores do Pindo para participar na presentación do libro no marco das VIII Xornadas de Pesca, a cargo de Chisco Fernández Naval, Merche Díaz, Xil Caamaño e Mario Maceiras, acompañados dalgúns dos 56 autores e das autoras dos 79 textos que de agora en sempre engalanarán as follas de Versos no Olimpo: Marta Dacosta, Estevo e David Creus, Alexandre Nerium, Paco Souto ou Nieves García Centeno, entre outros, foron algúns dos encargados de facer voar os versos do Olimpo no recital poético O Monte Pindo, vixía do mar. (…)”