A AELG prepara para 2017 un Congreso de Poesía Galega

ArtigoAELG Logo 2-2015 de Belén Bouzas en Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou na súa última xuntanza a realización dun Congreso de Poesía Galega no inicio do outono do vindeiro ano 2017, que terá lugar na cidade de Pontevedra. “É importante que os poetas e as poetas reivindiquemos o peso social da poesía no noso país”, afirma Cesáreo Sánchez.
Esta actividade responde á necesidade de facer unha revisión da poesía galega nos últimos 40 anos, xa que “desde a morte do ditador até hoxe xa pasaron corenta anos e pensamos que é o momento de reflexionar colectivamente, non só sobre o xa feito, senón tamén fundamentalmente coñecer e partillar cal é o momento actual da poesía e cales son os camiños do futuro que se poden intuír”, comenta en conversa para Sermos Galiza Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. “Persoalmente creo que tamén é importante que os poetas e as poetas reivindiquemos o peso social que na realidade se ten no conxunto da actividade cultural do país, a que se ve e a que non se ve”, engade.
Mediante este congreso procúrase achegar un exame da situación actual da poesía e do peso desta no sistema literario e na sociedade galega porque “é importante visibilizar o que se está facendo e o feito ao longo destes últimos anos, así como pensar conxuntamente como vemos o futuro”, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro. “Será moi transversal, aberto ao traballo de todo o corpo asociativo da AELG, dos 430 asociados que ten”, engade Cesáreo Sánchez.
O Congreso de Poesía Galega decorrerá en Pontevedra por tratarse dunha “cidade con vocación literaria que sempre apoiou e acolleu as actividades da AELG e froito dese apoio tamén retornaremos aí a Pontevedra”. Polo de agora abrirase un tempo para que os membros da AELG acheguen as súas propostas para definir contidos, formato e tipoloxía do congreso. “Esta é a primeira pedra deste edificio que construiremos entre todos”, adianta o presidente da AELG.”