Entrevista de Carme Vidal a Débora Campos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que vai supor o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos que terá lugar de Buenos Aires?
– Débora Campos (DC): Coma calquera outro congreso de especialistas nunha determinada disciplina, o XI Congreso Internacional de Estudos Galegos constitúe un encontro periódico no que un grupo de persoas expertas en áreas do coñecemento e do saber vinculadas cos Estudos Galegos, chegadas de todo o mundo (a quen demos en chamar galicianistas), presentarán as súas investigacións e traballos realizados nos últimos anos. Ao faceren isto, achegarán distintas ferramentas, conceptos ou puntos de vista, deste xeito abrindo novas vías e perspectivas de investigación para outras/os colegas. Do froito de todo ese movemento intelectual (e físico tamén), xurdirán novos temas, novas achegas, olladas distintas, perspectivas novas. Alén disto, 30 anos despois da fundación da AIEG en 1985, o congreso trianual da AIEG celebrarase por vez primeira en Bos Aires, unha cidade moi vinculada con Galiza e que por tanto estará presente en moitas desas investigacións que se presentarán. Por vez primeira, Bos Aires vai ser tema, contexto e escenario dos debates.
– SG: Que 121 relatores, maiormente da Galiza, participen no encontro que relevancia terá de cara ao futuro da situación dos Estudos Galegos?
– DC: O programa está dispoñíbel nesta páxina. Nel pode verse como non é certo que a maioría de relatores/as veñan de Galiza. Pero en calquera caso, o importante para os Estudos Galegos non é de onde veñen as investigadoras ou investigadores, senón a oportunidade que o congreso brinda para o diálogo académico.
Malia o contexto de recurtes na educación superior na nosa contorna, hoxe en día fanse Estudos Galegos en moitas universidades de Europa, Norteamérica, América Latina, países da Lusofonía, e mesmo en Oceanía. Cada tres anos a AIEG celebra un congreso, que como todos os congresos científicos, vai precedido dunha circular cunha chamada a comunicacións. Calquera estudosa/o pode enviar unha proposta, e logo o comité científico do congreso selecciona aquelas máis relevantes e invita ás/aos seus autores a que se matriculen no congreso e presenten esa proposta en forma dun relatorio académico no congreso. Doutra banda, como tamén é habitual nestes encontros científicos, existen conferencias plenarias a cargo de especialistas de renome (neste caso, un investigador galego e dúas investigadoras arxentinas) e teremos tamén participacións moi importantes en formas de ciclos de diálogos, nos que participan investigadoras de Nova Celandia, País de Gales, Estados Unidos, Arxentina, Brasil, etc., ademais doutras/os vidos de Galiza.
Os congresos da AIEG teñen sempre, en todas as súas edicións desde a súa fundación, a vocación de lle facilitaren un estrado internacional aos investigadores e investigadoras galegas, pero tamén de seren foro de intercambio con outros investigadores de todo o mundo que comparten o interese polos estudos galegos. Isto é fundamental de cara á proxección internacional dos Estudos Galegos. Haberá 121 relatores que deixarán oír a súa voz e que sementarán, nesta ocasión en Arxentina, o interese e a importancia dos estudos galegos no mundo. (…)”
Arquivos da etiqueta: Congreso Internacional de Estudos Galegos
Obradoiro de Estudos Rosalianos en Cardiff/Caerdydd (Gales)
Desde Poesía Galega:
“No marco do X Congreso Internacional de Estudos Galegos, que terá lugar en Gales os días 12, 13 e 14 de setembro, anúnciase unha sesión organizada polo Grupo de Investigación Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado por María do Cebreiro Rábade:
Nos últimos anos, Rosalía de Castro está a acadar un protagonismo crecente no campo cultural. A súa condición de clásica da literatura galega estivo sempre fóra de dúbida, pero as diferentes posición que se lle asignaron e se lle asignan no sistema literario galego presentan indicios moi significativos sobre o funcionamento do propio campo cultural. Por medio da celebración do Obradoiro de Estudos Rosalianos, o X Congreso da AIEG quere pór de relevo que a internacionalización dos estudos rosalianos é un proceso indisociable do seu propio desenvolvemento. O Obradoiro será unha ocasión propicia para alentar un encontro entre os investigadores e investigadoras que traballan, dentro ou fóra de Galiza, no eido do rosalianismo. Convidamos aos estudosos e estudosas da obra de Rosalía a achegaren as súas propostas para participaren nesta sesión de análise da vida e da obra de Rosalía de Castro. As comunicacións poderán cinxirse, entre outros, aos seguintes obxectivos:
a) fomentar unha reflexión conxunta sobre as posibilidades de renovación dos estudos rosalianos;
b) dotar de maior visibilidade crítica o total da obra de Rosalía de Castro, recoñecendo as múltiples facetas da escritora (poeta, narradora, ensaísta, autora de manifestos, xornalista, actriz, tradutora, etc.) e as zonas de diálogo entre os distintos segmentos da súa produción;
c) alentar a renovación dos estudos biográficos sobre a obra da autora;
f) establecer as condicións de posibilidade dunha edición crítica e anotada do total da produción literaria rosaliana.
PROPOSTAS DE COMUNICACIÓNS
As propostas de comunicacións para o Obradoiro de Estudos Rosalianos deben seguir os mesmos criterios de presentación ca o resto de propostas para o Congreso, segundo se recolle na Circular da chamada a comunicacións, se ben o autor ou autora debe indicar EXPRESAMENTE que desexa que a súa proposta se inscriba na celebración deste obradoiro.
Deste xeito, as propostas para relatorios deben enviarse antes do 15 de abril de 2012 por correo electrónico a estudosgalegos@gmail.com, incluíndo os seguintes datos: título do relatorio, nome e afiliación do autor/a, correo electrónico, resumo da proposta (300 palabras), 5 palabras chave, 5 referencias á bibliografía esencial, breve biodata do autor/a (100 palabras) e información sobre o equipamento necesario para a exposición (ordenador, proxector, audio, vídeo, etc).
As propostas deben redactarse en fonte Calibri ou semellante, tamaño 12 e espazo 1,5.
O tempo destinado a cada relatorio será estritamente de 20 minutos, e este factor deberase ter presente á hora de redactar a proposta.
A lingua oficial do congreso será o galego, aínda que se admitirán comunicacións noutras linguas de uso habitual na comunidade científica.
O comité organizador do congreso, co asesoramento do comité científico composto por especialistas de todas as áreas de coñecemento implicadas, será o responsábel de revisar e seleccionar as propostas recibidas.
A notificación da aceptación de comunicacións realizarase en maio de 2012.
O estudantado participante no Obradoiro de Estudos Rosalianos tamén poderán optar ao PROGRAMA DE BOLSAS DE VIAXE PARA O X CONGRESO DA AIEG (véxase convocatoria xeral do congreso)
Para máis información: María do Cebreiro Rábade Villar (coordinadora do grupo ‘Rosalía de Castro’): m.rabade@usc.es”
IX Congreso Internacional de Estudos Galegos
Do 13 ao 17 de xullo desenvolverase en Santiago, Vigo e A Coruña o IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, coa colaboración das tres universidades galegas e o Consello da Cultura Galega. Conta con apoios da Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, da Consellería de Cultura e Turismo, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación, así como das Concellerías de Cultura da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. A Asociación de Escritores en Lingua Galega participa cun panel de conferencias da Sección de Crítica Galega, coordinado por M. Xesús Nogueira, coa participación de Xosé Manuel Eyré, Ramón Nicolás e Olivia Rodríguez, o luns, 13 de xullo, na aula 1 da facultade de Filosofía da USC, ás 16:00 h. Poden descargar o programa de actividades en PDF nesta ligazón.