O sector do libro galego reclama á Xunta un verdadeiro plan de fomento da lectura

NOTA DE PRENSA CONXUNTA DE

  • Asociación Galega de Editoras (AGE)
  • Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
  • Federación de Librarías de Galicia (FLG)

O sector do libro galego reclama á Xunta un verdadeiro plan de fomento da lectura

  • As tres asociacións realizamos hoxe unha intervención conxunta na reunión do Consello Asesor do Libro convocado pola Xunta de Galicia

(Santiago de Compostela, venres 15 de decembro de 2017)  A Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia fixemos hoxe un chamamento conxunto á Xunta de Galicia, durante a reunión do Consello Asesor do Libro.

Os tres colectivos celebramos que por fin se convoque este Consello Asesor do Libro ao tempo que solicitamos que deste órgano saia, primeiro, unha diagnose da situación actual do sector do libro e da lectura en galego; en segundo lugar, que sexa un verdadeiro, real e efectivo Plan de Fomento da Lectura de Galicia e da lectura en galego, e que as decisións que o Consello adopte sexan vinculantes.

Ese Plan real de Fomento da Lectura debe pasar inescusablemente por recuperar a dotación económica das Bibliotecas públicas, por un apoio efectivo á internacionalización en diálogo continuo co noso sector, polo apoio ás librarías que resisten na defensa da nosa cultura ademais do apoio ás creadoras e creadores e, entre outros aspectos, pola activación dunha potente campaña de promoción lectora, que involucre a amplos sectores e referentes sociais.