Craig Patterson: “A verdade fala calquera lingua, galego ou inglés”

Entrevista a Craig Patterson en La Voz de Galicia:
“Cibrán, o Bocas e o Milhomes falan inglés. Hoxe preséntase en Cardiff On a Bender, a tradución de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, por Craig Patterson, profesor desta universidade e presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
– La Voz de Galicia (LVG): ¿Como xurdiu esta versión?
– Craig Patterson (CP): En xaneiro do 2009, cando a Deputación de Ourense e o PEN Club de Galicia me ofreceron a posibilidade de producir a primeira tradución da obra, non puiden rexeitar a proposta. Púxenme en contacto con Galaxia e Planet, a editorial galesa que xa publicara a Castelao, Ferrín e Casares, e que ten un longo compromiso coa cultura galega. (…)
– LVG: A esmorga é unha historia local e universal a un tempo.
– CP: Si, a novela plasma unha galeguidade inequívoca, unha cosmovisión retranqueira dos personaxes principais que revela unha tendencia a gustar da vida malia as dificultades e do moito que nos choiva. A súa gran universalidade consiste na relación que plasma entre o convencional e o marxinal, entre a conformidade e sermos fieis a nós mesmos. Hoxe, cando nos derruban décadas de progreso de benestar e mobilidade social, cando os banqueiros se enriquecen mentres sobe o paro, lembrámonos da necesidade de desafiar e mesmo negar os discursos que nos tiran encima. A gran verdade universal da novela é esta: xuntos, resistimos; divididos, caemos. E a verdade fala calquera idioma, sexa galego ou inglés. (…)”