Xabier Maceiras: “Reunín máis de 600 contos de Arteixo, son un obreiro da historia”

Entrevista de Candela F. Roldán a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Xa van dez anos de Crónicas de Arteixo. Case nada.
– Xabier Maceiras (XM): Así é. E aproveitando este décimo aniversario do blog decidín sacar unha segunda edición dos libros Crónicas de Arteixo I e Crónicas de Arteixo II. Levaban anos esgotados e dixen por que non. Era un bo momento de volver a poñelos a disposición dos lectores.
– LO: E nin unha soa semana sen faltar ás publicacións do blog.
– XM: Dende 2014 nunca. En Arteixo hai 13 parroquias e eu intento tocalas todas. Ao principio incluso facía dúas ou tres publicacións semanais. Eu son como o Rock and Roll, escribo o que me apetece e cando me apetece.
– LO: Cando comezou a escribir este blog, xa tiña en mente que levaría as historias ao papel?
– XM: Nunca o pensei. Eu fago este blog co único cometido de recuperar as historias dos meus veciños, sobre todo as das persoas maiores. Moitos vanse cando non deben, e hai moito que recuperar da súa memoria. Esta aventura nace co obxectivo de afondar no pasado. Eu, xa de pequeno, sempre fun de escoitar as historias de aldea. Medrei escoitando contos, en especial os relacionados co mar, e algúns deron pé aos meus primeiros traballos. (…)”

Xabier Maceiras: “Escoitar á xente maior para min é unha necesidade vital”

Entrevista a Xabier Maceiras en El Ideal Gallego:
“(…) – El Ideal Gallego (EIG): Que temáticas abarca [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Variadísima. Afortunadamente teño xente que me conta historias en case todas as parroquias pero segundo a poboación que teña o lugar sempre dá lugar a máis anécdotas ou menos. Aquí se fala desde os achados arqueolóxicos do xacemento do Reiro (Chamín), do castro de Pastoriza, da lenda do galo de Barrañán, do Rexurdimento en Arteixo, dos naufraxios, das Casas do Concello…
– EIG: Casas? Houbo varias?
– XM: O Concello actual inaugurouse nos anos 70 e o anterior derrubouse hai uns anos. Houbo varias e unha delas aínda está en pé, en Figueiroa.
– EIG: O de falar coa xente maior é un dos teus traballos diarios.
– XM: É un traballo que levo facendo toda a vida, é unha necesidade vital. O Arteixo de antano está chegando ao seu fin e queda a memoria viva desa xente que o viviu, pero cando marchen só quedarán os recordos que lles queden aos seus fillos das cousas que contaban. Este é o meu gran de area para intentar que esas historias non se perdan. Ademais, este libro só polo prólogo de Miguel Sande xa vale a pena telo feito. (…)”

Xabier Maceiras: “Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria”

Entrevista a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Cal é o obxectivo que se marca con este novo libro [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Realmente non me marco ningún obxectivo. O obxectivo é co blog. Crónicas de Arteixo II é un fillo do blog, igual que foi Crónicas de Arteixo I. O obxectivo que me marco co blog é encontrar historias e a seguir recuperando a memoria. O blog fixo seis anos en setembro. Procuro facer unha publicación semanal. Desde setembro de 2014 o blog tivo o seu primeiro fillo. En 2017 con 38 historias que publicaramos no blog. En 2020 volve con 50 historias. Fixeron unha viaxe da rede ao papel.
– LO: Curiosamente fai o recorrido inverso do habitual, vai da rede ao papel e non de papel á rede.
– XM: Efectivamente. Primeiro é o blog e logo o papel. Eu entendo que o papel para moita xente que mo demanda e así mo fixeron saber.
– LO: Crónicas de Arteixo I que acollida tivo?
– XM: Moi boa. De feito co tirón de Crónicas II houbo xente que me preguntou por Crónicas I.
– LO: Cre que se estas historias non as plasmase nun libro se poderían perder co paso do tempo?
– XM: Seguramente algunha si. O libro empeza en O Reiro con fotos atopadas. As historias máis recentes son coas que máis disfruto, con xente que viviu o Arteixo dos 50, 60 e os 70. Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria. Para algunhas historias chegamos a tempo para recuperalas.
– LO: Por iso é tan importante recuperar a memoria.
– XM: Eu teño a fortuna de ter amigos e coñecidos. Falo de xente maior, pero non vai vivir eternamente.
– LO: Gustaríalle ter vivido estas historias que conta no libro do Arteixo de hai 50 anos?
– XM: O mundo actual no que vivimos, de présas, non me gusta. Non me gusta o ritmo de vida que levamos. Entón, si que me gustaría facer unha viaxe no tempo. Se cadra para ver como era a miña vida na infancia, onde había máis socialización. Hoxe está cada un ao seu. Eu teño esa necesidade vital de socializar. (…)”