Carlos Casares, 10 anos de literatura e cultura

Cúmprense 10 anos da sorpresiva morte de Carlos Casares, o escritor e Presidente do Consello da Cultura Galega. Máis alá do simbolismo do número, a década do pasamento obriga a pensar en como Carlos Casares debe ser dado a coñecer ás novas xeracións de escolares ou que xa se cumpren as condicións para que o escritor poida ser designado como homenaxeado no Día das Letras Galegas na Academia. En culturagalega.org queremos homenaxear ao escritor facendo visibles os contidos dixitais que temos xa publicados sobre o escritor.” Vía Cultura Galega.

Ramón Otero Pedrayo en América (I)

Desde Cultura Galega:
“Otero Pedrayo pronunciou esta conferencia en Bos Aires en xuño de 1959, aos postres dun banquete de celebración da colectividade galega. Trátase do segundo volume da colección As Nosas Voces, editado orixinalmente en cassette en 1993 polo Arquivo Sonoro de Galicia. A peza, de boa calidade técnica, é unha mostra excelente da impresionante oratoria de Otero Pedrayo.”

Valentín Paz Andrade aos puntos

“O pasado ano a celebración do Día das Letras dedicado a Lois Pereiro amosou toda unha serie de orixinais iniciativas á hora de se achegar á obra, o autor e o seu contexto. A música, o audiovisual, as artes escénicas e a creación literaria, para alén do ensaio deron conta da súa fitura. Ao par do autor, a celebración deu para facer análise da Galicia da Movida, do malditismo, ou da propia figura do poeta. En 2012, Paz Andrade preséntase, de xeito inevitable, como un homenaxeado ao que lle tocarán outro tipo de honras e de abordaxes. Analizamos algunhas das aproximacións que posiblemente veremos ao longo deste ano, e que tocan cuestión de plena actualidade. (…)” Vía Cultura Galega.

Crear en 2011 (I)

Desde Cultura Galega:
“A crise económica tamén condiciona a creación. Cando menos iso é o que se desprende dos especialistas consultados nas áreas da literatura, a banda deseñada e a música. Nuns casos a pegada é positiva e noutra negativa, e mentres nas letras leva a unha visión máis conservadora, na música convida a que os artistas se impliquen máis nos procesos de control das súas obras, entre outras cuestións.
A nivel literario, o ano non achegou grandes novidades, e a crise deixouse sentir tamén na creación. Cando menos, así o sinala Dolores Vilavedra, crítica literaria e profesora de Filoloxía na Universidade de Santiago. “Semella que a literatura se contaxiou un pouco dunha certa perda de pulo que está a se ver tamén na sociedade. Faltaron novidades entusiasmantes, e estamos moi necesitados delas. É algo que nos volta a confianza na literatura e nas nosas posibilidades creativas”. Non é, no entanto, que non se producisen obras de valía, ou que non houbese lanzamentos, especialmente no campo da tradución, de importancia. “Houbo textos dignos de recibir unha acollida mais entusiasta, como a tradución de Murakami ou de Salma. Son esforzos notables que pasaron desapercibidos”. Apontalouse tamén neste período a certa crise que está a vivir a edición de poesía. “Houbo unha redución, tamén por cuestións económicas, e é o xénero que sempre sae máis prexudicado. En xeral os editores están con políticas restritivas, con apostas moi selectivas, e esa perda de entusiasmo afecta tamén aos creadores, que arriscan menos”. O ensaio é quizás, e a continuar tendencias de anos anteriores, o xénero que máis está a destacar. “Xa levamos uns anos moi bos, está a pasar o que tiña que pasar e abandonamos aquela especie de reciclaxe de investigación para facer ensaio puro, e estase a ver que é un xénero que, na medida no que se desenvolve apoiado na actualidade, ten éxito”. Finalmente, Vilavedra recoñece o traballo da editoras independentes á hora de anovar no panorama literario. “Ao non aspirar a grandes beneficios están menos pendentes do mercado e fan cousas moi interesantes, aínda que penso que hai de máis. Pero vese que algunhas consolidan unha liña e non publican ao chou, hai casos moi interesantes como o de Estaleiro ou o que publica Kalandraka en narrativa”. (…)”

Recuperada a conferencia A paisaxe galega: as súas leis e tipos, de Ramón Otero Pedrayo

Vía Cultura Galega:
“Coa nova entrega da dixitalización da colección As Nosas Voces editada polo Arquivo Sonoro de Galicia, viaxamos no tempo ata 1947. Estamos no ateigado salón da Federación de Sociedades Galegas, onde a colectividade galega escoita unha conferencia dun convidado de excepción chegado desde Galicia: Don Ramón Otero Pedrayo. O intelectual ourensán ofrece aos asistentes unha maxistral conferencia sobre a paisaxe galega, ámbito no que é un especialista. A paisaxe galega: as súas leis e tipos é o título da súa intervención, que agora podes escoitar e compartir.”

O Cancioneiro de Petrarca e Que me queres, Amor? de Manolo Rivas, entre as traducións que máis axuda reciben

“O importe máximo que a Xunta achegou para axuda a promoción, produción e edición do libro galego no que se refire á tradución (doutras linguas para o galego e viceversa) foi de 6.000 euros por título. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación de beneficiarios desas axudas, nas que as contías máis altas foron para o Cancioneiro de Petrarca, no que foi a tradución para o galego. No tocante a tradución a outros idiomas de obras orixinarias na nosa lingua, foron Que me queres, Amor? de Manolo Rivas, Pirata de María Reimóndez ou Land Rover de Suso de Toro dos que recibiron a máxima contía. En total achegáronse preto de 200.000 euros entre 26 editoras. É Reverso Comunicación e Cultura S.L, a que recibe a cifra máis alta, con 24.410,19 euros para unha vintena de proxectos. A convocatoria desta liña de axuda supón un terzo do que se viña destinando a este fin, de tal xeito que descendeu dos 300.000 euros de edicións anteriores a 200.000. Con respecto aos criterios esablecidos este ano, na convocatoria deste ano préstase especial atención a apoiar obras de interese cultural vencelladas a aniversarios e centenarios que se celebren no período sinalado.” Vía Cultura Galega.

Cultura de facto

“Supresión das axudas ás entidades locais, rebaixa nas subvencións as industrias culturais, anuncio da posibilidade de que non se conclúa a Cidade da Cultura, queixas continuada do sector das artes escénicas e audiovisual…. Se lle aplicaramos un balance contable ás políticas culturais do ano, teriamos unha ecuación chea de restas, apuntes e números vermellos. Canda as cifras, este ano 2011, tamén deixa nomes propios: os de Álvaro Cunqueiro e o de Lois Pereiro que catalizaron boa parte das actividades. Malia que o contexto de crise económica co que comezou o ano non apuntaba grandes alegrías para o sector cultural, co caer dos días no calendario, fóronse perfilando, corrixindo e mesmo definindo algunhas políticas culturais. Un ano que pode marcar un punto de inflexión e moitas das actividades que se consolidaron nos últimos lustros. (…)” Vía Cultura Galega.

O noso estraño Nadal

“O Nadal xa se celebraba antes do nacemento de Cristo. San Nicolás andaba a repartir agasallos no noso país antes do que os Reis Magos. A orixe da Feira do Capón de Vilalba está no século IX. O solsticio de inverno coincidiu no seu día en Santa Lucía e non era raro que en datas de Nadal se visen máscaras de Entroido. Estas son algunhas das sorprendentes cuestións que amosa Antonio Reigosa en Trece noites, Trece lúas, un libro que quere darlle explicación a que celebramos exactamente nestas datas, e que amosa tradicións de noso que, nesta altura, han resultar estrañas a moitos. (…)” Vía Cultura Galega.

Novas publicacións e iniciativas continúan a implantación do Apalpador

“Ano a ano, por estas datas continúan as actividades e iniciativas para reivindicar o personaxe do Apalpador como unha alternativa galega a Reis Magos e Santa Claus. Desta volta, o ilustrador Xoán González publica un novo libro ilustrado sobre esta figura, O Apalpador e a castaña máxica, logo da boa acollida do seu anterior volume sobre o mito. Pola súa banda, a asociación A Gentalha do Pichel presentaba a pasada semana o libro Teoria de inverno, unha colectánea de artigos que afondan neste personaxe e abordan diferentes aspectos do mesmo. Ao tempo, a Fundaçom Artábria publicou na rede, e para libre descarga, recortables para facer bonecos do Apalpador, e mesmo está dispoñible en Internet unha animación na que este xigante courelán felicita o Nadal. Ao longo das festas apalpadores varios visitarán localidades como Compostela, Pontedeume ou Ferrol, entre outras moitas localidades. (…)”. Vía Cultura Galega.

Dez medios únense para concienciar da importancia da comunicación en galego

“No marco da feira Terractiva, en Arzúa, presentábase este sábado, 17 de decembro, a campaña Vitaminas para o galego. Dez medios na nosa lingua, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza pública, Radiofusión, Tempos Novos, Certo.gl, Quepasanacosta, O Sil, Valminor.info e Crónica3 participan neste proxecto que quere concienciar a sociedade da importancia de contar con medios na nosa lingua. O proxecto desenvolverá ao longo dos vindeiros meses concertos, presentacións e relatorios por todo o país, e editou xa diferentes elementos promocionais como paraugas ou calendarios. Segundo apuntan os promotores, un dos obxectivos da iniciativa é “axudar á supervivencia dos medios na lingua do país, así como impulsar o nacemento de novas cabeceiras”. Vía Cultura Galega.