Entrevista de Montse Dopico a Berta Dávila en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A morte, a consciencia da morte, é punto de partida no libro [O derradeiro libro de Emma Olsen]. Unha muller conta o que gardara porque sabe que vai morrer. Tamén en Raíz da fenda estaba moi presente a morte. Como en Dentro… A focaxe adoita ser, nos teus libros, (tamén neste último), o contraste, a tensión entre o amor e a morte. Por que?
– Berta Dávila (BD): En Raíz da fenda a morte e a enfermidade son os detonadores que levan á voz poética a afrontar finalmente a ausencia do outro, a asumir o oco e a carencia: o loito vivido desde a perspectiva da que fica á expectativa de sandar as feridas máis difíciles. A relación que se establece entre a morte e o desamor no libro é a identificación deste como perda ou carencia, como un proceso de abandono con algunhas concomitancias con respecto ao loito en si. Tratábase de poñer sobre a mesa todas as feridas, todos os abandonos. Creo que a ferida profunda é a clave do libro, facer da literatura unha ferida aberta, exposta sen cobertores, para quen a queira recibir, sen agochos e máscaras que a vistan con retóricas festivas.
A morte de Emma Olsen achega unha visión diferente, xa desde o momento no que se escolle facer unha confrontación en primeira persoa con esa derradeira fronteira, unha fronteira que a personaxe, lúcida sempre, e tamén case sempre desafectada, decide atravesar escribindo sobre algo importante. E, nese sentido, o amor é algo importante, todos os tipos de amor, render contas cos afectos que marcaron unha vida enteira. Dalgunha maneira a relación de débeda e de retirar as máscaras é o que une os dous libros. O proceso de escrita que relata Emma en O derradeiro libro de Emma Olsen ten certas concomitancias co meu propio proceso de escrita de Raíz da fenda, non nun sentido biográfico, como é obvio, pero si como proceso creativo. (…)
– MD: Na túa poesía houbo un intento de depuración do estilo, co paso do tempo. Podería dicirse o mesmo da túa narrativa? Esta é unha obra curtiña na que cada frase está medida.
– BD: Si que o hai, cada vez son máis teimuda e corrixo máis, en ocasións resulta paralizante e pouco útil. Tamén acontece que non é o mesmo o tempo que dedicaba á escrita no caso dos primeiros libros con respecto ao de agora. Iso tamén ten que ver co cambio de concepto do proceso. Aínda así, creo que unha vez que o libro xa está pechado e en mans dos lectores, hai que aprender a querelo como unha marca do tempo vivido, aceptar o que eras cando o escribiches como un sinal dun percorrido. E seguir percorrendo o que sexa. (…)”