Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Achegarse á lectura dun diario é complexo. Máis aínda se nos fala dunha enfermidade que, a día de hoxe, continúa roubándonos momentos coas compañeiras e amigas porque as quendas, para esta viaxe, non van pola toca, van pola leva.
No Diario da luz e a sombra a mesma diarista, María Victoria Moreno, convértese nesa personaxe literaria que proxecta unha forma de entender o mundo entre o íntimo e o público: a intimidade do monólogo que as demais escoitan… e debullan! Desde a primeira páxina! A autora vainos procurar e ” obrigarnos” a participar porque estas liñas “O meu desexo sería que, xa feitas libro, caesen nas mans de persoas que padecen cancro que que lles servisen para coller azos” e “a quen non teña ningunha relación co cancro e lea este diario, quero dicirlle que é mortal -amólate, curioso lector-“(p. 15). E entramos nese proceso de escrita (sen as regras tan estrictas como poden ter outros xéneros), nesa escusa de caracter aleatorio e inmediato que realiza o truco de maxia para transfomar o invisible en visible grazas á complicidade porque “o meu descubrimento é que, compartindo ledicias, todos os que entramos no reparto tocamos a máis” (p. 89). Si, querida persoa lectora, “ledicias” porque o cancro de mama é unha enfermidade que afecta, neste caso, a unha muller, non a define. Así, a través das páxinas, coñecemos “a filla que calquera nai desexaría ter”(p. 103), a cadeliña Alma que comparte as súas dores, as cartas de Pedro Ferriol que lle chegan desde o outro lado do océano, etc Unha vida completa que a autora nos vai mostrando cómo mirar desde todos os prismas posibles: os días que se encontra mellor, os días que a dor a posúe, os días que ten que facer un esforzo inxente para dirixirse cara o seu traballo ou o día que descobre que un viño cos amigos cura moitos padecementos. Todos os anaquiños que acaen á perfección para formar o todo.
A luz é un elemento fundamental neste diario pero tamén hai sombras. E para elas ten reservadas unha arma moi potente: o humor. O cotiá dos procesos médicos mostran unha beleza afectiva que nos sorprende (e axuda a relativizar moitas cousas). Coa mestría dunha fascinante narradora, nas primeiras páxinas descubrimos que na sala da quimioterapia “había un paisano que flipaba por min”(p. 40) e queremos saber máis. O diario dosifica os tempos, as sombras e os soños de montar unha granxa de vacas desde as butacas do hospital. E a historia evolúe cos retallos daqueles que saben que ” o cancro no é un regalo. É, falando claro, unha putada”(p. 21)” e enceréllase coa imaxe no espello, coas lembranzas do pasado, coas promesas de futuro desde Cuba, coas aventuras dos seus alumnos ou descubrimentos como ” agora vexo que fixen o ridículo preocupándome polo que podía ser e non foi”(p. 74). (…)”