María Reimóndez: “Busco o cambio dende a rebeldía. As personaxes de En vías de extinción utilizan a súa marxinalidade para criticar o centro”

Entrevista a María Reimóndez en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A protagonista da súa última novela [En vías de extinción] é unha moza que vai dende o rural de Lugo a Vigo para estudar Tradución e Interpretación. É vostede?
– María Reimóndez (MR): Non para nada. O libro xoga con elementos que teñen que ver con miña vida pero nada máis. Tirei de detalles que me son coñecidos pero como persoa, a protagonista, Gaia, é moi distinta a min.
– DP: Que máis hai de María Reimóndez no libro?
– MR: De min no libro está a rebeldía, que é algo co que me identifico. Ademais está busca de espazos políticos fóra dos habituais, no ámbito privado, por exemplo. Gústame buscar personaxes que a sociedade marxina. E dáse a casualidade de que estes personaxes utilizan a súa marxinalidade para criticar ao centro dende esa posición. Gaia –a protagonista- está nas marxes pola súa identidade rural, por ser galegofalante e ser lesbiana. A miña intención é demostrar que ás veces a xente que vive no centro ten unha visión máis limitada das cousas. E os que obsevan dende fóra, como Gaia, poden ter unha visión máis complexa. (…)
– DP: A autora María Xosé Queizán comparaba o papel secundario das mulleres co da lingua galega. Segue a ocupar un lugar secundario o galego?
– MR: E direi máis: entre as persoas galegofalantes, as mulleres aínda estamos máis discriminadas que os homes. Seguimos na dinámica de que uns teñen o poder e outros son a plebe. Neste organigrama os galegos están moi abaixo, pero isto lévame ao que dicía antes de que canto máis marxinal é unha posición, máis completa é a súa visión do mundo. Hai dous tipos de galegofalantes: os activistas e os que non o son e mesmo amosan certo autoodio. Neste contexto o papel das institucións sería intervir para cambiar a situación, o curioso é que os que gobernan na Xunta reforzan estas actitudes. Ademais están as dificultades para chegar á cidadanía porque as vías de comunicación está atoradas. Entón unha persoa sabe máis cousas do que pasa en Madrid que do que pasa en Pontevedra. Os referentes culturais desprázanse e un galego non sabe quen é Agustín Fernández Paz pero si Pérez Reverte. (…)”.

Elena Gallego Abad: “Convivir tres anos cun dragón non resulta doado”

Entrevista a Elena Gallego en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“- Diario de Pontevedra (DdP): Vén de publicar con Xerais Dragal III. Canto madurou a triloxía?
– Elena Gallego (EG): Agardo que o suficiente para sorprender e conquistar aos lectores que xa se atreveron a mergullarse nas páxinas de Dragal I e baixar ás catacumbas de Dragal II. Coido que a Fraternidade do Dragón é un libro máis trepidante, máis completo. Dará resposta a moitas das cuestións que os seus personaxes deixaron pendentes de resolver… Pero tamén haberá sorpresas!
– DdP: A disciplina de libro por ano non parece fácil.
– EG: Convivir tres anos cun dragón non resulta nada doado, aínda que se trate dun ser fantástico como Dragal. Crear o seu universo levoume un traballo de documentación ao que dediquei máis horas que ao propio proceso de escribir. O maior reto partiu da miña premisa de situar a historia na Galicia actual e conectala coa nosa historia esquecida e as nosas tradicións. Se o mesmo Códice Calixtino recolle a existencia dun dragón no noso país, por que non imos aproveitalo para facer a nosa propia ficción?
– DdP: Verémola no futuro por un camiño parecido?
– EG: A tradición galega podería encher novelas aínda por escribir e coido que a ficción pode axudarnos a recuperar elementos da nosa identidade, pero non pretendo continuar por esa senda.”

Alberto Pena gaña o Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo

O xurado do VII Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo, composto por Alfredo Conde Cid, Víctor Fernández Freixanes, Manuel Fernández Areal e Carlos Valle, outorgoulle onte o galardón a Alberto Pena polo texto titulado Cousas da lingua, publicado no Diario de Pontevedra. O premio está dotado con doce mil euros.