Arquivos da etiqueta: Diario do Salnés
Andrea Fernández Maneiro: “Vou polo mundo roubando cousiñas miúdas que son a esencia de todo”
Montse Fajardo: “O machismo está tomando forza como resposta á loita feminista”
Entrevista a Montse Fajardo no Diario do Salnés:
“(…) – Diario do Salnés (DS): Publicou en 2017 o libro Invisibles, sobre as historias de mulleres maltratadas. Achegáronse mulleres a vostede a falar sobre a súa experiencia tras ler o libro?
– Montse Fajardo (MF): Ao principio eran sete mulleres, engadimos a octava na última edición, porque foise achegando xente a contar historias que a elas mesmas ou a persoas queridas lles pasaran. Viu a nós unha rapaza moza, que nos parecía que faltaba. Que se achegasen as mulleres foi para nós moi impactante. Ías ao instituto e había unha rapaza que che contaba que lle pasara á súa nai, ou incluso a ela. Tamén a técnica de son dun Concello, mentres eu estaba entrevistando a unha muller, achegouse ao rematar para falarme de que ela pasara por unha situación así… Era unha constante. É un problema que está moito máis estendido do que pensamos.
– DS: No libro deixa claro que o asasinato é a punta do iceberg, pero hai moito detrás. Cales son os tipos de maltrato que non identificamos de forma tan clara que o son?
– MF: Dúas das mulleres ás que entrevistei facendo Invisibles contáronme que cando lles pegaron por primeira vez, foi cando se disiparon as dúbidas. Elas levaban meses sendo menosprezadas, insultadas, obrigadas a poñer determinado tipo de roupa… Hai determinadas conductas de menosprezo que se van normalizando. Se te preguntas, “estarei sendo unha muller maltratada?”, probablemente a resposta sexa que si.
– DS: Están cambiando a formas de maltrato entre os adolescentes?
– MF: Coas novas tecnoloxías, aínda que teñen cousas boas, é moito máis fácil manter o control sobre a túa parella. Cando eu era unha moza, se alguén quería falar pola noite tiña que chamar a miña casa e que o collera meu pai, había un filtro parental. A través do móbil tes unha especie de control sobre a túa parella 24 horas ao día. Tes que ter unha individualidade e ninguén ten dereito a controlar a túa vida privada.
– DS: Están tomando conciencia sobre os malos tratos as novas xeracións?
– MF: Si, as nenas teñen moito máis claro que cousas non se poden consentir. Pero as novas xeracións teñen que ser conscientes de que os dereitos que teñen, que conquistaron as xeracións anteriores, non son algo permanente. Estes avances do feminismo están provocando respostas moi reaccionarias, o machismo está tomando forza como resposta á loita feminista. Hai que manter a loita, non se pode dar un paso atrás. A violencia machista ten moito que ver cos afectos, a persoa que te fai dano é a que queres, é moi difícil romper ese sentimento, aínda que saibas que tes que deixar de estar con esa persoa.
– DS: Moitos homes con comportamentos machistas están radicalizando a súa ideoloxía ao ver que, co avance do feminismo, están perdendo poder sobre as mulleres…
– MF: Cando ti consegues dereitos é a costa de alguén que os perde. O peso da vida familiar estaba nas mulleres, e hai algúns homes que reaccionan ante iso, non queren perder o que tiñan as xeracións anteriores. Iso significa que estamos avanzando no feminismo. A violencia machista non é unha cousa de homes contra mulleres, é de maltratadores contra o resto da sociedade. (…)”