A Consellería de Cultura e Educación amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores

Desde a Consellería de Cultura:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras. Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad incorporou ao Portico of Galician Literature unha mostra en inglés de obras de Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Elena Gallego Abad, Xavier Queipo e Anxos Sumai.
Dime algo sucio, Ámote Leo A. Destino Xalundes, Dragal I: A herdanza do dragón, Papaventos e Así nacen as baleas son, respectivamente, os últimos títulos aos que se pode acceder desde este portal, a través dunha breve sinopse en inglés de cada obra e mais dunha mostra de 40 páxinas traducidas a esta lingua de cada unha delas.
En 2013, o portal exterior da literatura galega tamén integrou fragmentos de obras de novos escritores, co fin de ampliar o seu catálogo con extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés. (…)”

A Semana Negra de Xixón premia a Diego Ameixeiras

“A Semana Negra de Xixón distinguiu onte a novela de Diego Ameixeiras Dime algo sucio co premio especial que todos os anos outorga o director da mesma, Paco Ignacio Taibo II. A novela, publicada en galego por Xerais e en castelán por Pulp Books, foi presentada o pasado domingo na programación dste festival especializado na literatura negra, criminal e de xénero.” Vía La Voz de Galicia.