O vigués Iñaki Varela Pérez gaña o VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns

DesdeIñaki Varela o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O VIII Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local Menor de Morgadáns acadou este ano unha importante participación, como vén sendo costume dende a súa institución, con corenta e dous orixinais presentados. Na primeira quincena de setembro reuniuse o xurado, que resaltou a importante calidade de moitos deles e elixiu, en primeiro lugar, as obras finalistas, que resultaron ser as citadas a continuación por orde de entrada, as que ostentaban os seguintes títulos e lemas ou pseudónimos:
Camuflaxe (Campos de néboa eléctrica).
Exhumación.
Do outro lado das portas (O Miño).
Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (Vita da Vita).
Culpable (Nüwa).
A continuación acordaron concederlle o galardón desta convocatoria ao poemario titulado Do outro lado das portas valorando que estamos ante un libro que trata os temas máis actuais dende unha perspectiva social, nunha especie de épica actual, en que o autor nos dá a súa particular visión do que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica. A cidade de Vigo ou o Miño adquiren personalidade propia neste poemario que engancha a lectura dende as primeiras páxinas.
O autor da obra premiada é Iñaki Varela Pérez, natural de Vigo cidade na que exerce como profesor de Xeografía e Historia. Afeccionado á literatura dende moi novo, este é, non obstante, o seu primeiro libro, que será publicado polo IEM na súa colección Victoriano Taibo como parte do premio acadado, consistente, ademais, en tres mil euros en metálico, unha peza escultórica conmemorativa, obra do artista miñorán Fino Lorenzo, e a presentación do autor e o poemario nunha gala que se celebrará ao longo do mes de novembro, en data que se anunciará oportunamente.”