“En Italia, o 11 de outubro de 2018, verá a luz, na editorial Carocci de Roma, un libro pensado e concibido como un manual para a Universidade, pero que, en verdade, é un manual que reviste un grande interese para todos aqueles que miran a a Galicia, que se ocupan ou aman a súa historia e a súa literatura. La lingua delle cantigas, subtitulada Grammatica del galego-portoghese, escrita por un filólogo sueco afincado en Italia, Pär Larson, constitúe a primeira descrición sistemática da lingua usada polos trobadores da Península Ibérica –desde Galicia e Portugal ata o reino de Aragón–, entre finais do século XII e mediados do XIV, para compor tanto poesía lírica sacra (as Cantigas de Santa María de Afonso X) como profana (cantigas de amor, de amigo e de escarnio e mal dizer).
Esperemos que este «libriño moi xeitoso e de enorme utilidade tanto para investigadores coma estudantes» (H. Monteagudo) encontre o público que se merece entre os estudosos e interesados na materia tanto en Italia, Galicia e Portugal como en calquera punto da Península ou da globalidade curiosa por achegarse a un patrimonio literario de excepcional valor e riqueza.”