Agustín Fernández Paz: “Os ecos de tantas páxinas de BD andan polos meus libros”

EntrevistaAgustín Fernández Paz de Eduardo Maroño a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): En 1984 publicas un Para lermos cómics, un libro divulgativo sobre a banda deseñada, a súa historia, linguaxe e recursos dende unha perspectiva galega. Que che moveu a elaborar este traballo?
– Agustín Fernández Paz (AFP): En anos anteriores (o primeiro creo que é de 1975) eu fora publicando artigos en diversos lugares, explicando a linguaxe dos cómics e defendendo a súa lectura. E desde 1979, que é cando os do Colectivo Avantar publicamos o primeiro libro da serie O Noso Galego, comecei a abordar a utilización didáctica do cómic, trasladando ao papel o que facía na aula. O libro que citas responde a unha colección divulgativa que promovía Xavier Senín desde a Consellería de Cultura: uns manuais breves e de linguaxe sinxela pensados para calquera lector. Senín pediume un sobre cómics, e de aí saíu ese libro, unha achega á socioloxía e á linguaxe da banda deseñada. (…)
– P: Coñecida a túa afección pola banda deseñada e sendo como es escritor, nunca tiveches a tentación de escribir unha historia para ser publicada directamente como cómic?
– AFP: Agás algunhas curtas colaboracións con Xan López Domínguez, non se me presentou a posibilidade de colaborar con ninguén como guionista, que é o que eu podería facer ben.
– P: E consideras que as túas lecturas de banda deseñada influíron na túa escrita?
– AFP: No proceso da escrita están presentes todas as lecturas (e todo o cine) da miña biografía; é inevitable, xa que logo, que estean tamén os cómics. E non me refiro só ao superficial, como pode ser a inclusión dalgúns heroes do cómic como personaxes de relatos: Spiderman, Batman. Eu creo que sobre todo están presentes nos argumentos e no desenvolvemento das tramas. Os ecos de tantas páxinas de BD andan polos meus libros. (…)”

Número 5 da revista Búsola

Chega o número 5, correspondente a 2011, da revista Búsola, editada no Valadouro, que conta coas colaboracións de Javier Ramirez, Miguel Alonso, Ledicia Costas, Casto Rivadulla, Inés Liste, Eduardo Maroño, Estela Insúa, Yago García e Kike Benlloch.