Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla

O sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.

47 orixinais concorren ao IV Premio de Poesía Victoriano Taibo

O pasado 31 de xullo rematou o prazo para a recepción de orixinais para participar no IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O xurado reuniuse para recoller os traballos presentados, nun total de corenta e sete obras, cifra similar, aínda que algo superior á das anteriores convocatorias. O fallo farase público nos primeiros días de setembro, en data que se anunciará nos medios de comunicación. O premio dotado con 3.000 euros, peza conmemorativa e a publicación da obra premiada está sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns e xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e será entregado nun acto a celebrar no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro.

Convocado o IV Premio de Poesía Victoriano Taibo

O Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns convocan o IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, ao que poderá concorrer calquera autor que envíe, antes do 30 de xullo de 2011, ao enderezo Apartado 30, 36380, Gondomar, un libro de poemas escritos en galego cunha extensión mínima de 300 versos. O premio está dotado con 3.000 euros, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro do mesmo ano. As bases completas pódense descargar aquí: Bases IV Premio Victoriano Taibo 2011.

Mª Goretti Fariña Caamaño gaña o III Premio de Poesía Victoriano Taibo

O xurado do III Premio de Poesía Victoriano Taibo convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns-Gondomar decidiu premiar o poemario titulado Devastacións dispoñibles, de Mª Goretti Fariña Caamaño, do que valorou especialmente o seu lirismo así como un manexo elegante e eficaz da lingua. Mª Goretti Fariña Caamaño naceu en San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa) no ano 1965. Na actualidade reside en Vilagarcía de Arousa. É licenciada en Bioloxía e profesora de Ciencias nun colexio de Vilagarcía. A gañadora recibirá o premio co que está dotado este certame (3.000 € en metálico e unha peza escultórica de Fino Lorenzo) no transcurso dun acto que se celebrará na primeira metade de novembro, en cuxo momento será tamén presentado o libro gañador editado polo Instituto de Estudos Miñoranos. Nesta terceira edición do certame presentáronse un total de 43 orixinais. A participación non só foi abundante senón tamén de gran calidade, como sinalaron unanimemente os membros do xurado (formado por Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Elvira Riveiro Tobío, Mª Carmen Caramés Gorgal, Araceli Gonda Cabreira, e no que actuou como secretario -sen voto- en representación do Instituto de Estudos Miñoranos, Miguel Anxo Mouriño Fernández, e presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode Domínguez -tamén sen voto-) que decidiron seleccionar os dez finalistas. O veredicto completo pódese consultar aquí.

III Certame de Poesía Victoriano Taibo

«Convócase a terceira edición do Certame Literario Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns. O IEM enviou aos medios unha nota de prensa dando conta das características desta nova convocatoria cuxas bases podedes consultar aquí, así como o díptico e o cartel deseñados para esta ocasión por Pedro Telmo.» (Victoriano Taibo)