Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla

O sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.

Calros Solla gaña a IV edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns con Holocausto Zacoe

“Reunido no día de hoxe o xurado do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns acordou conceder o premio que recaeu este ano en Calros Solla, domiciliado en Pontevedra, que presentou a obra Holocausto Zacoe. O xurado do certame Victoriano Taibo valorou a unidade e a elección temática do orixinal. O libro é unha alegoría sobre a situación do idioma e da identidade do pobo galego. A ironía e o humor son os recursos fundamentais para esquivar o desacougo tráxico que os poemas nos relatan, pois malia o sorriso que conseguen debuxar en nós, non podemos ignorar a realidade negativa dos seus enunciados. Holocausto Zacoe é a demostración de que a poesía é divertimento e mensaxe, un medio para reflexionar e concienciarse da realidade que nos rodea.” Nova recollida tamén en Xornal.