Gondomar: Antón Cortizas falará sobre Vaia tropa!

O sábado 24 de marzo, a partir das 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a sesión mensual do Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, organizado por Espazo Lectura. Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é Vaia tropa!, de Antón Cortizas, publicado en Xerais, e contarase coa presenza do autor para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

Gondomar: Miguel Anxo Fernández participa no Club de lectura Sete vidas

O martes 10 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, terá lugar a primeira cita do ano do club de lectura Sete Vidas, organizado por Espazo Lectura, que xirará arredor da novela Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, quen estará presente para dialogar cos asistentes.

Gondomar: Agustín Fernández Paz falara sobre a súa última novela en Espazo Lectura

O martes 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, centrado en títulos de narrativa, coa participación de Agustín Fernández Paz, para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Non hai noite tan longa (Xerais, 2011). Na primeira parte da sesión, de 20:00 a 21:00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.

Gondomar: Xornadas “Lendo en familia”

Os días venres 16 e sábado 17 de outubro, no Centro Neural de Gondomar, terán lugar as XORNADAS LENDO EN FAMILIA que organiza Espazo Lectura en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Estas xornadas, destinadas fundamentalmente a nais e pais interesados en fomentar o hábito lector nos seus fillos e fillas, queren servir de reflexión e de intercambio de experiencias arredor do papel fundamental que cumpre a lectura na formación das persoas dende a infancia.
Dentro do programa inclúense conferencias e obradoiros a cargo de Concha Costas (presidenta de Espazo Lectura), Cristina Novoa (asesora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación), Rosana Estévez (vicepresidenta e coordinadora de Dinamización de Espazo Lectura) e Paula Carballeira (escritora, contadora e actriz), Dolores Vilavedra (profesora da Universidade de Santiago), María do Cebreiro. Descargar folleto.

Gondomar: Espazo lectura celebra o San Xoán con poesía e contos

Mañá martes, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura cunha actividade na que xuntarán poesía, lume e contos: A fogueira dos versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira. Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas) conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.

Gondomar: Espazo Lectura dedica unha sesión a Xabier P. DoCampo

Mañá sábado, 30 de maio, ás 12 da mañá, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o clube de lectura compartida Lendo contigo dedicará unha sesión ao libro A nena de auga e o príncipe de lume, de Xabier P. DoCampo, que participará no acto, aberto a nais e pais e nenos e nenas de 8 a 11 anos.

Gondomar: abre a “Casa da Lectura”

casa-da-lectura-1O sábado 16 de maio pola mañá a asociación Espazo Lectura abriu na parroquia de Donas, en Gondomar, a Casa da Lectura, nun acto durante o que tamén foi presentado o libro Os ollos do Contomar ante o público e os medios de comunicación. A Casa da Lectura, unha iniciativa pioneira creada desde o asociacionismo civil, foi resaltado como un proxecto pioneiro en Galicia que ten a singularidade de estar ubicado no ámbito rural e dirixirse a unha comunidade rural para facilitarlle o diálogo cos libros e a lectura. No acto participaron a presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas; a directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora; o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo; o fotógrafo Manuel G. Vicente; a contacontos e actriz Paula Carballeira e o escritor Gonzalo Navaza. O mal tempo non desluciu un acto non exento da emoción de ver cumprido un soño, en palabras da directora do CEIP, Carmen Mora, “o mellor dos soños posibles ver a transformación máxica dun espazo escolar”.

casa-da-lectura-2A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, resaltou a importancia da Casa da Lectura como un proxecto de recuperación para devolverlle a vida a espazos en desuso e habilitalos para o libro e a cultura, e declarou que a programación de fomento da lectura que todos os mércores pola tarde se vai levar a cabo nela supón dobrar a oferta de actividade arredor do libro e a lectura que xa se viña facendo por parte da asociación en Gondomar. Contacontos, obradoiros de ilustración, recitais poéticos ou merendas con contos son algunhas das actividades que se convertirán en citas habituais da Casa da Lectura. Nese sentido, Concha Costas resaltou a importancia de traballar desde a base para que o fomento da lectura funcione e dea resultados positivos, ofrecendo unha programación regular co capacidade de crear hábito, máis alá das actuacións puntuais.

O alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, gabou o proxecto de Espazo Lectura que, dixo, se pode poñer en valor a través dun libro como Os ollos do Contomar e da Casa da Lectura e resaltou que este traballo de Espazo Lectura “vai dar moito que falar e moito que ler”. As intervencións da escritora Paula Carballeira e Gonzalo Navaza foron as máis emotivas, apoiando co seu entusiasmo o o traballo que se está a realizar. A actriz Paula Carballeira resaltou que o máis fantástico do libro é poder ver as caras dos nenos, coa emoción compartida de quen está a gozar da fantasía e da imaxinación, e o escritor Gonzalo Navaza resalto o papel sociabilizador e enriquecedor da lectura nunha sociedade individualizada e impermeabilizada polo consumismo.

Gondomar: encontro co escritor Gonzalo Navaza

Espazo Lectura, en colaboración coa librería Libraida e Edicións Xerais de Galicia, convocan para este martes 5 de maio o Club de Lectura Sete Vidas co presenza do escritor Gonzalo Navaza. O club de lectura Sete Vidas centrarase no libro de relatos Erros e tánatos de Gonzalo Navaza, publicado por Xerais. A sesión terá dúas partes, unha primeira, ás 20.00 h, na Biblioteca de Gondomar, onde os asistentes falarán libremente sobre o libro; e unha segunda parte, ás 21.00 h, na libraría Libraida, aberta a quen o desexe, onde haberá un encontro co escritor e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, que nos falará desta e doutras obras súas. O escritor Gonzalo Navaza, natural de Lalín, reside desde hai varios anos na parroquia de Peitieiros, en Gondomar.

Gondomar: celebración do Día do Libro

Mañá 23 de abril, Día do Libro, de 19.30 a 22.00 horas, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, súmase á celebración internacional do Día do Libro sacando a lectura ao mercado. Os postos das peixeiras da Praza de Abastos de Gondomar encheranse de libros e de froita, para acoller a segunda edición da sesión de lecturas compartidas en voz alta, Dar de ler coma quen dá de beber. A Praza da Abastos de Gondomar, obra do arquitecto Bar Boo, acollerá esta simbólica acción que Espazo Lectura quere levar adiante en favor do libro.

Gondomar: encontro con Concha Blanco

Mañá sábado 28 de febreiro de 2009 ás 12:00 horas, a escritora galega Concha Blanco participará no club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para este encontro é Boris, publicado pola editorial Galaxia; sobre el dialogará Concha Blanco coas nenas e nenos asistentes nun encontro que terá lugar, como é habitual, na Biblioteca de Gondomar. Máis información, na web Espazo Lectura.